O rexedor contou que “hoxe fixemos unha presentación, no Concello, dunha peza de cerámica que vai ser a institucional e que se fixo na asociación Eu Son. Nosoutros colaboramos con Eu Son e sempre, cando temos ocasión, encargámoslles algo por uns motivos ou por outros. Por exemplo para Expomar tamén temos encargados unha serie de chaveiros cerámicos para poder darlles aos participantes este ano nas Xornadas Técnicas, no Encontro Empresarial e no Consello Galego de Pesca”.
O alcalde lembrou que “no Concello antes tíñamos dúas figuras que se fixeran en Sargadelos, pero fóronse esgotando e o que facemos agora é encargar unha figura moi bonita que representa o que temos concentrado no noso concello que son a pesca, o faro, o escudo de Burela, as pinturas de Amarte que están no porto e un pouco todo o que se fai neste concello. É unha figura extraordinaria e é unha forma de que leve un recordo a xente que veña a visitarnos á que lle daremos esta figura que vai ser a institucional nos actos que organicemos”.
Llano comentou que “por un lado queremos darlle importancia ao que temos na nosa vila como é a asociación Eu Son, que son uns rapaces que fan moi boa labor, e tamén queremos darlles protagonismo e axuda institucional para que sigan traballando e facendo cousas que realmente son moi meritorias”.