Aos seus 32 anos, o candidato á alcaldía Diego Fernández conta xa cunha dilatada experiencia no ámbito social e laboral, implicado na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras como presidente do comité de empresa no seu centro de traballo. Triatleta voluntarioso e moi vinculado ao deporte de base no concello, sabe da necesidade do esforzo diario para acadar os obxectivos. Fernández afirma estar convencido de que “é imprescindible un cambio de goberno municipal para que remate a sangría demográfica e que a xuventude non teña que abandonar Cervo para poder vivir”. Asegura que “só un concello moderno, que abandone o clientelismo para crear riqueza, pode evitar a perda de poboación, a fuga forzada da xeración máis nova e mellor preparada da historia”. Para o candidato nacionalista “Cervo merece uns gobernantes con ilusión, que defendan a ecoloxía, o repartimento igualitario da riqueza, o fomento de actividades económicas alternativas e innovadoras, que apoien a cultura de calidade, que rematen dunha vez coa política empobrecedora que se limita a repartir subvencións e prebendas”, concluíu Fernández asegurando que “é evidente que Cervo leva anos quedando atrás e perdendo o tren da modernidade e do desenvolvemento”.
O número 2 da candidatura, Xorxe Caldeiro, é veterano activista sindical e polo tanto coñecedor dos mecanismos que melloran a sociedade a través da equidade social. Para Caldeiro, “a candidatura do BNG de Cervo agrupa a persoas que xa demostraron no seu entorno a súa capacidade de transformación e de defensa dos dereitos e bens colectivos, única maneira de xerar riqueza para todos e todas”. A lista combina xuventude e veteranía, e tamén reflicte a realidade que padece o concello e o conxunto de Galiza, que obriga á marcha forzada fóra do lugar de orixe para poder gañarse a vida de maneira digna. O “exilio” cervense está representado na candidatura nacionalista porque só as políticas que defende o BNG poden reverter esta sangría empobrecedora.
A candidatura complétase cos e coas seguintes cervenses cun claro compromiso co concello: Carmiña Ventoso, audióloga da Atalaia do Porto de Arriba, Ibán Sánchez, actual concelleiro e traballador de Alcoa, Mariló Castro de San Cibrao e Xaquín Pérez Pernas de Cervo, presidenta e presidente dos respectivos comités das empresas nas que traballan grazas ao apoio maioritario dos seus compañeiros e compañeiras; Tareixa Lorenzo, de San Cibrao, traballadora de Correos en Foz; David Villares de San Cibrao, emigrado forzosamente, actualmente é profesor en Pontevedra, onde comproba diariamente os beneficios dun goberno municipal do BNG; Olga Castro, feminista de Cervo, xornalista, tradutora, investigadora recoñecida a nivel internacional, obrigada a emigrar polas políticas que levan asolando moitos anos este país e que regresa a Cervo cada vez que as súas ocupacións llo permiten; Pablo Lourenzo, de San Cibrao, traballador no Parlamento Europeo; Rosa Otero da Senra, ex traballadora de Sargadelos e histórica militante nacionalista. A lista de suplentes encabézaa Sindo Folgueira, de Cuíña, xubilado que representa a firmeza na defensa duns ideais igualitarios desde hai moitos anos; María Xosé Prado de Cervo, ex traballadora e activista sindical na fábrica de Sargadelos; Samuel Pazos “Álamo”, xente nova de Sargadelos, filólogo, traballador da construción e apegado á terra; María Fernández Rei, de San Cibrao, filóloga que tamén se viu obrigada a emigrar para atopar traballo; e pecha Ramón Luís Bernardo, de Figuerido, ex concelleiro, activista e dinamizador de actividades deportivas e culturais.