Quixemos celebrar de forma especial esta data e planificamos unha saída ata León, cidade que a UNESCO recoñece como o berce do parlamentarismo xa que foi na colexiata de san Isidoro onde se discutiron e redactaron os Decreta no 1188. Hoxe podemos dicir que temos dado un paso firme na procura dun mundo mellor co concepto de Unión Europea e todas as garantías de dereito que supón esta idea.
O alumnado percorreu parte deste camiño social e político a través de distintas actividades no propio centro durante a mañá coa proxección de vídeos e traballos realizados na materia de Europa desde a súa incorporación ao curriculo de bacharelato no ano 2015. Xa pola tarde emprenderon rumbo á capital leonesa onde visitaron o palacio Conde Luna e a real colexiata de san Isidoro como os lugares emblemáticos da orixe europea, pero tamén tiveron tempo de visitar o Museo de Arte Contemporáneo, a catedral e a casa Botines deseñada por Gaudí e fixeron un percorrido guiado polo seu centro histórico. Xa de volta na mañá do sábado visitaron Astorga e Ponferrada e regresaron a Ribadeo.
Estas actividades do DÍA DE EUROPA veranse completadas ata finais de curso con conferencias e charlas sobre a actualidade europea. Tamén durante o mes de xuño abriremos as nosas portas a unha exposición histórica sobre aspectos relevantes da última contenda mundial e sobre os que concretaremos datos e eventos a finais de maio.