Foz, 3 de maio de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, Deputados, Alcaldes, concelleiros, voceiros e militantes de todos os Concellos da Costa denunciaron este venres un novo ataque da Xunta de Galicia aos 72.000 veciños da Mariña coa supresión de persoal á ambulancia medicalizada de Foz. Fixérono tras facerse público os novos pregos do contrato ofertado polo Sergas e o 061 no que aparece a eliminación dun TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias) para a ambulancia focenses, sendo a única de todas as existentes de Galicia que sofre recorte de dotación de persoal.
Santos Ramos advertiu que esta non é a primeira vez que o goberno galego reduce o número de profesionais da ambulancia medicalizada de Foz, pois xa no 2011 quitaron persoal, pasando de prestar este servizo as 24 horas a só 12. “Trátase dun novo recorte á sanidade da Mariña que empeorará significativamente a calidade dun servizo onde o tempo de resposta é vital para mitigar as consecuencias aos doentes provocadas polas patoloxías. E porqué o empeorará? Porque en moitas situacións de emerxencia son necesarios 2 técnicos e non 1 para trasladar aos pacientes, para o material ou porque un TES ten que estar en cabina ante a gravidade do problema. Porque o técnico terá que encadear varias quendas de condución do vehículo sen opción a descansar, afectando á seguridade do paciente, nun servizo no que se precisa máxima concentración. Ademais, de que ao estar só 12 horas dispoñible, no caso dunha emerxencia en Foz, o Sergas envía unha das 4 ambulancias que ten a Mariña as 24 horas, empeorando tamén o servizo de Burela, Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo”.
“Unha vez máis a provincia de Lugo é discriminada pola Xunta e conta co respaldo do PP na provincia pois no Pleno da Deputación negáronse a debater e a aprobar unha proposta do PSOE que pedía que se corrixise esta discriminación. Xa fomos atacados cando suprimiron as áreas sanitarias, cando tardaron 10 anos en implantar Hemodinámica as 24 horas no HULA ou cando non dotan de novos servizos aos Hospitais. Para o PP hai cidadáns de primeira e de segunda, e está claro que os lucenses somos de segunda. Estamos fartos de que as súas políticas estean desmantelando e recortando máis e máis servizos sanitarios públicos. De que sigan xogando coa saúde dos lucenses. Basta xa”, censurou Santos Ramos.
PNL rexistrada no Parlamento Galego
A Deputada do PSOE no Parlamento Galego, Patricia Otero anunciou que os socialistas rexistraron unha proposta na cámara galega esixindo que se manteñan os 2 técnicos no servizo de ambulancia de Foz, así como ampliar o servizo de Ambulancia de Soporte Básico Vital ás 24 horas, tal e como estaba no 2011, para non empregar ningunha das ambulancias de Viveiro, Burela, Mondoñedo ou Ribadeo en caso de emerxencia.