Site icon Crónica3.com A Mariña

A xornada electoral avanza sen incidencias na provincia de Lugo

Lugo, 26 de maio de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou esta mañá a normalidade e a ausencia de incidencias que están a caracterizar a xornada electoral na provincia de Lugo.

“As 541 mesas electorais distribuídas por toda provincia constituíronse puntualmente e sen ningún problema”, indicou a subdelegada.

Rodríguez animou a “todos os cidadáns a participar nestas eleccións nas que decidimos a composición das corporacións locais e os representantes que temos no Parlamento Europeo”. Nas Eleccións Municipais poden votar 279.542 persoas na provincia de Lugo. O número de cidadáns que poden emitir na nosa provincia o seu sufraxio nos comicios europeos é de 279.295.

A subdelegada tamén aproveitou para “agradecer a colaboración de todas as persoas que hoxe traballan para que os cidadáns poidamos exercer o noso dereito ao voto” e lembrou que no dispositivo electoral participan 1.623 cidadáns elixidos por sorteo para formar as mesas electorais, así como os 960 funcionarios dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade que se ocupan de garantir a seguridade nestas eleccións e os 417 representantes da Administración encargados da comprobación da correcta apertura das mesas, de resolver incidencias e de recoller os datos dos recontos de votos unha vez que rematen as votacións.

26M EN DATOS

Nestes comicios, os lucenses eliximos aos 727 representantes que dirixirán nos próximos catro anos os 67 concellos da provincia. Dos resultados destes comicios depende ademais a futura composición da Deputación provincial. Tamén se elixen hoxe os 54 deputados que lle corresponden a España no Parlamento Europeo.

As mesas electorais permanecerán abertas ata as 20:00 horas, cando se pecharán as urnas e comezará o reconto dos votos emitidos. Primeiro farase o reconto dos votos correspondentes ás Eleccións Europeas, aínda que os resultados non se farán públicos ata as 23:00, cando pechen os colexios electorais en todos os países da Unión Europea.

O reconto de votos das Eleccións Locais farase en segundo lugar e os seus resultados difundiranse a partir das 21:00 horas, ao rematar as votacións en Canarias.

Exit mobile version