Tralo acto, no que estivo acompañada da directora xeral de Turismo, Nava Castro, e do delegado Territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro; a alcaldesa mindoniense quixo agradecer de novo á Confederación de Espeleoloxía y Cañones (CEC) e a Federación Galega de Espeleoloxía que aceptasen o ofrecemento do Goberno local para emprazar este centro de documentación deste campo a nivel estatal.
Elena Candia considera que hoxe se dá “un gran paso”, que traerá ata a cidade tanto a espeleólogos federados como a cidadáns que queiran afondar neste campo.
Preto de 3.000 volumes
A Confederación de Espeleología y Cañones (CEC) celebrou hoxe a súa asemblea xeral e aproveitaron para abrir as portas do Centro Español de Documentación Espeleolóxica, que aglutinará no espazo cedido polo Goberno local a biblioteca da Federación Galega de Espeleoloxía, así como as memorias de todas as exploracións que se fixeron en España e a documentación da antiga Federación Española. Preto de 3.000 volumes que serán organizados nunha primeira fase para, nun futuro, poder ser dixitalizados. Toda a documentación estará á disposición dos federados, así como do público en xeral baixo solicitude previa.
Un novo reclamo
Polo tanto, o Centro Español de Documentación Espeleolóxica supón un “importantísimo” reclamo para a cidade, onde se atopa a caverna calcaria máis grande de Galicia, a Cova do Rei Cintolo, que “sempre potenciamos e intentamos poñer en valor dende o Goberno local”, chegando a ser distinguida como Destino Turístico Científico.