Un bó amigo de meu, intelixente canda Rubalcaba, di con sentidiño que os políticos cando marchan da política ou, máis aínda, cando morren non haberían ser xulgados dun xeito moi rigoroso. E eu concordo con él totalmente.
Rubalcaba retirouse hai anos e fuxiu das portas xiratorias para voltar ser profesor titular universitario de Química Orgánica, a súa profesión de orixe (malia que levaba case trinta anos na poítica, a súa grande vocación). Mais a Xefatura do Estado, o presidente do Goberno, a súa familia e os partidos todos do réxime unionista do 78 conviron facerlle unha homenaxe política, de certo ben xustificada, mais que permite a veda da análise rigorosa dos fas e dos nefas do político falecido.
Rubalcaba era moi listo e, xa que logo, moi pouco dogmàtico, malia que amosou a vea xacobina que caracterizou a súa xeración no PSOE. Seica non tivo nada a ver coa xénese e evolución do GAL, como lle teñen acusado algúns. Si tivo ben a ver coa fin da ETA, como ministro do Interior que intelixentemente posibilitou o autodesarme decidido polos etarras e nomeadamente causado pola deserción da súa base social abertzale.
O socialista reivindicou con acerto a supresión das provincias na campaña das estatais do 2011, estrutura conservada a mantenta polo unionismo para enfeblecer, naqueles primeiros oitenta, aos Gobernos catalán e galego. Mais foi peza esencial da reforma, en outubro de 2011, do artigo 135 da Constitución para priorizar o pagamento dos xuros da débeda pública aos servizos sociais e públicos, unha decisión que abriu de vez a porta á política austericida de Rajoy.
Canto ao dereito a decidir e mesmo a ampliación do autogoberno das nacións do Estado, Rubalcaba sempre estivo enfronte, como nos ven de contar o antigo president de ERC, Joan Puigcercòs. En realidade, o “cepillado” do Estatut na Comisión Constitucional do Congreso foi máis cousa de Rubalcaba ca de Guerra. Tamén estivo Rubalcaba fronte á proposta de reforma do Estatuto vasco de Ibarretxe e contra da ampliación do autogoberno galego, malia os esforzos do despois ministro de xustiza, o federalista galego Fran Caamaño.
Homenaxeou o réxime do 78 un dos seus máis sabentes cerebros. Normal. Velaí a necesidade de termos presentes sempre aos que fixeron posíbel, nestes anos, o autogoberno galego dende parámetros nunca partillados polo unionismo do réxime do 78. Patriotas galegos coetáneos de Rubalcaba como Bautista Alvarez, Ceferino Díaz, Domingos Merino ou Xosé H. Rodíguez Peña.
Que a terra lles sexa leve a todos…