Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Indyref2: a segunda posibilidade escocesa”, por Xoán Antón Pérez Lema

En setembro de 2014 a cidadanía escocesa votou en contra da súa independencia cun 55% de votos en contra dun 45% a prol. Influiu daquela unha campaña mentireira e avantaxista que ameazaba aos escoceses con ficaren fóra da Unión Europea e tamén coa perda de sedes de empresas importantes, como os bancos do Grupo Lloyds Halifax e Bank of Scotland e máis o RBS. Ao tempo, laboristas e conservadores prometían un substancial incremento do autogoberno se Escocia ficaba no Reino Unido, acadando amplas competencias sociais, ambientais e fiscais (devolution plus). Moi axiña estas promesas de máis autogoberno foron totalmente esquecidas polos conservadores e laboristas británicos
Este sábado máis de 100.000 persoas reclamando un segundo referéndum de independendencia (indyref2) ateigaron as rúas de Glasgow , a principal cidade de Escocia por PIB e poboación e tamén o máis forte apoio do soberanismo escocés, onde gañou amplamente o voto favorábel á independencia no 2014, cun 53%.
No 2014 o daquela premier conservador, David Cameron, dixera que o non escocés definía de vez a cuestión polo menos para unha xeración. Que pasou para que menos de cinco anos despois deste referéndum a first minister nacionalista escocesa (SNP), Nicola Stugeon , reivindique o indyref2, o segundo referéndum de independencia?
Pasou que Cameron convocou un referéndum británico en xuño de 2016 para definir a permanencia do Reino Unido na Unión Europea e perdeuno, co 51,9% dos votos para o brexit e o 48,1% para o remain. Mais na Escocia o 62% votou por ficar na UE e só un 38% por marchar. Logo duns números tan nidios era cuestión de tempo que Nicola Stugeon, co apoio que lle dan 35 nacionalistas sobre 59 representantes escoceses no Parlamento británico de Westminster e 62 deputados do SNP sobre 129 membros do Parlamento escocés de Holyrood (3 por baixo da maioría absoluta), reivindicara o dereito de Escocia a gobernar o seu futuro, tendo en conta a evidente mutación constitucional que suporá para Escocia o brexit que seica será realidade antes da fin do vindeiro outubro.
Os líderes conservador e laborista británico, Theresa May e Jeremy Corbyn, demostraron coa súa desaquelada xestión deste referéndum que a parvicie non é cousa exclusiva de dereitas nin de esquerdas, mentres negan o dereito dos escoceses a reverter no seu beneficio os gravísimos prexuizos que sofrirán se son excluídos dos beneficios da Unión Europea contra o voto do 62% da súa cidadanía.
Ou Westminster adia o brexit ou haberá indyref2. Unha segunda oportunidade para que Escocia poida definir o seu futuro.

Exit mobile version