Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata o 15 de maio estará aberto o prazo de inscrición para participar nas colonias de verán, que organiza a concellaría de xuventude de Ribadeo

 Ribadeo, 7 de maio de 2019. A Concellaría de Mocidade, a través da OMIX, presenta a Campaña de Actividades de Verán. No programa figuran as colonias de verán, que se desenvolverán durante o mes de xullo, e varios obradoiros que terán lugar dende finais de xuño ata principios de agosto.
As colonias de verán estarán dirixidas a nenos de 3 a 12 anos e o prazo de solicitude de prazas está aberto ata o vindeiro día 15 deste mes de maio. O sorteo das prazas realizarase o 29 de maio e o xustificante de pago deberá presentarse entre os días 3 e 14 de xuño.
As colonias prolongaranse do 1 ao 26 de xullo, e desenvolveranse en horario de 10:00 a 13:30 horas. Hai un programa madrugador de 9:00 a 14:00 horas. Estas colonias terán lugar no colexio Gregorio Sanz e a cota será de 30 euros por semana. O número máximo de nenos e nenas participantes por semana será de 40 para os grupos de infantil e de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e no caso de 1º e 2º de Primaria as prazas ofertadas son 30. A documentación que deberá presentarse será a solicitude de colonias, cuestionario de saúde, autorización imaxes, declaración responsable, fotocopia do DNI e fotocopia da tarxeta sanitaria.
Ademais a Concellaría de Mocidade ten programados unha serie de obradoiros que darán comezo o 25 de xuño cunha actividade titulada Obradoiro Camiño Verde: Camiño por reciclaxe na que os participantes percorrerán un tramo do Camiño recollendo elementos que atopen para, ao finalizar a ruta, realizar un obradoiro de reciclaxe na área recreativa de Vilela. Está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, o horario será de 10:00 a 12:30 horas e o número de prazas é limitado.
Tamén haberá un Obradoiro Camiño Verde: Botánicos por un día, que terá lugar o 27 de xuño, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, en horario de 9:30 a 12:30, no que os asistentes crearán un espazo botánico de árbores frutais na carballeira de Vilela. As prazas son limitadas.
Entre os días 8 e 12 de xullo, na Casa da Xuventude, celebrarase un obradoiro de pulseiras de macramé dirixido a nenas e nenos a partir de 12 anos. O horario será de 11:00 a 12:30 horas, e as prazas son limitadas por orde de inscrición.
Dos días 15 ao 19 de xullo, na Casa da Xuventude, terá lugar un obradoiro de apoderamento feminista para mozas, dirixido a nenas a partir de 12 anos. Celebrarase os luns, martes e mércores de 11:00 a 13:00 horas, as sesións de análise crítica do sistema patriarcal, e os xoves e venres, de 10:00 a 18:00 horas, e elaboración dun mural na rúa. As prazas son limitadas por orde de inscrición.
Finalmente a Concellería de Mocidade de Ribadeo organiza un laboratorio audiovisual, que terá lugar do 29 de xullo ao 2 de agosto no CEIP Gregorio Sanz en horario de 9:00 a 14:00 horas e o día 2 de 9:00 a 18:00 horas. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas a partir de 12 anos. As prazas son limitadas por orde de inscrición e teñen preferencia os rapaces e rapazas a partir de 14 anos. Os participantes crearán a súa propia animación de vídeo utilizando a técnica do Stop Motion.

Exit mobile version