Site icon Crónica3.com A Mariña

As papeletas premiadas na campaña do Día da Nai de Acisa Ribadeo son a 3301 e a 3303. As persoas que as posúan teñen ata o 10 de maio para recoller os seus premios

 Ribadeo, 6 de maio de 2019. As papeletas premiadas na campaña do día da nai de Acisa Ribadeo son a 3301 e a 3303. Son os números anterior e posterior ao premiado no sorteo extra da Once do día da nai, celebrado onte.
As persoas que posúan estas papeletas teñen ata o 10 de maio para recoller os seus premios nas oficinas de Acisa en horario de 10 a 14 horas polas mañás e de 16 a 19 horas polas tardes.
As afortunadas serán agraciadas con sendas xoias valoradas en 100 euros cada unha, que poderán adquirir en Gutié ou en Azabache, establecementos asociados a Acisa Ribadeo.
Na campaña do día da nai foron repartidas 10.000 rifas. Desde a directiva de Acisa amósanse moi satisfeitos co resultado da mesma, “xa que foron moitas as persoas que elixiron o comercio ribadense para mercar os agasallos para as súas nais. A oferta comercial que temos na nosa vila é variada e continúa a ser un referente en toda a contorna”.
Panchas
Onte rematou a campaña das Panchas, a moeda local de Ribadeo, que estivo coorganizada polo Concello e por Acisa coa colaboración de ABanca. O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, valora de xeito moi positivo esta campaña “que sen dúbida tivo unha repercusión notable no comercio local”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliña que “a moeda local deixou de ter valor, polo que xa non poden facerse máis compras coas panchas”. E lembrou que “aqueles comerciantes que aínda non validaran as súas panchas para cobralas en ABanca poden facelo os luns 13 e 20 deste mes de maio”.
Máis do 80% das panchas xa foron cobradas polos comerciantes que participaron na campaña. Iriarte dixo que “estamos moi contentos co resultado, debido ao esforzo económico que supuxo para Acisa repartir 10.000 euros en panchas, grazas a unha subvención asinada co Concello de Ribadeo”.

Exit mobile version