A estas achegas poden concorrer establecementos de turismo rural e hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos complementarios. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que o prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 13 de xuño. Os detalles e requisitos da convocatoria pódense consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns e as solicitudes realizaranse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Considéranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE, correspondentes ao ano 2019 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2019. Inclúense, entre outros, os custos de auditoría externa facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTE e tamén os derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2019, unha vez conseguida a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
Balseiro apuntou que a través da convocatoria do ano pasado accederon a esta liña de achegas 23 empresas do sector turístico da provincia de Lugo. Segundo explicou, houbo beneficiarios da capital luguesa (6); a comarca da Mariña –nos concellos de Ribadeo (5), Viveiro (3), Foz (2) e O Valadouro (1)-; a Zona Sur –nos municipios de Quiroga, Chantada e Sober-; así como nos concellos de Vilalba, Sarria e Palas de Rei. En total, concedéronse axudas por importe de 13.200 euros.