Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano convida aos mariñáns a achegarse a gozar estes días das festas patronais de Burela

 Burela, 31 de maio de 2019. O alcalde, Alfredo Llano, anima á xente a acudir ás festas patronais de Burela, que entran de cheo nos seus días grandes. Haberá verbenas e unha chea de actividades para todos os públicos.
O rexedor quixo “convidar a toda a xente de Burela a participar, a compartir o que son todos os actos que vai haber nas festas. Estar a gusto coa familia e cos amigos durante estes catro días, que son moi importantes para nosoutros, porque son as festas patronais. Son realmente vistosas e singulares”.
Llano contou que “comezaremos hoxe, unha boa data para dar inicio á fin de semana con festa e con boas actuacións musicais e tamén con moitas atraccións para todos os públicos alí na área do porto de Burela”.
O alcalde burelés insistiu en “convidar a todo o mundo, á xente de Burela, á xente de toda a comarca , da provincia, de toda Galicia. Quen queira vir vai ter en qué entreterse e vai pasalo moi ben”.
Alfredo Llano subliñou que “mañá, sábado, temos a elaboración da alfombra floral, que vai ser moi vistosa, moi bonita, ademais de estar centrada este ano nos cómics. Chama a atención porque ten unha lonxitude dun quilómetro e servirá de soporte para guiar a procesión de baixada desde a igrexa ata o porto da Virxe do Carme. É unha cita moi participativa e singulariza a nosa festa dedicada aos mariñeiros. E o domingo será a procesión marítima, que é moi importante e chama a atención ver o desfile dos barcos. Trátase dunha cita que ten moito significado, sobre todo para a xente do mar”.
O rexedor dixo que “todos os que se acheguen a Burela estes días serán ben recibidos e vano pasar moi ben”.
O luns, 3 de xuño, é festivo local.

Exit mobile version