Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Fuente, candidato do PP, non acepta participar no debate electoral promovido por 18 asociacións de Barreiros

Barreiros 14-5-19. 18 asociacións barreirenses adheríronse á iniciativa de promover un debate público e democrático entre as 3 formacións políticas que presentan candidatura ás eleccións municipais do 26 de maio ao Concello de Barreiros: PP, BNG e PSOE.

O candidato do PP e as candidatas do PSOE e BNG, foron contactadas telefonicamente o venres pola tarde para ser entregadas en man as cartas de convite a participar, e dispoñer do correspondente xustificante de entrega asinado. Dispoñían ata as 14h. deste luns, 13 de maio para responder coa aceptación ou non aceptación a participar no debate.

As candidatas do PSOE e BNG recollérono na tarde do venres e a candidata do BNG, Ana Ermida, aceptou a participación no mesmo momento da entrega da carta. A candidata do PSOE, María Carmen Veiga, entregou a súa aceptación a debatir, o sábado pola tarde.

O candidato do PP non respondeu ás chamadas e mensaxes ata máis avanzada a tarde e quedou en recoller persoalmente a carta ao día seguinte. Para que dispuxera da información o mesmo venres, enviouselle a carta en .pdf o venres pola tarde vía Whatsapp e respondeu “darse por comunicado”. Con todo, informouselle que iso non privaba de ter que recoller a carta fisicamente e asinar o xustificante de entrega, pero finalmente non a recolleu. A carta foille entregada de forma persoal na mañá deste luns na oficina da xestoría que rexenta. No mesmo momento de entrega da carta informou verbalmente que non ía aceptar e asinou a carta de NON ACEPTACIÓN indicando un motivos persoas que pediu expresamente que non foran dados a coñecer “no Facebook” (foi creada unha páxina nesta rede social a propósito do debate).

A organización do debate público lamenta que, unha vez máis, ocorra como hai 4 anos cando xa foi promovida esta mesma iniciativa e tampouco se puido levar a cabo pola negativa de Alfonso Fuente Parga.

Lamentan, igualmente, que non xurdira por parte do Partido Popular a proposta de que o número 2 da candidatura sustituira a Alfonso Fuente en dito debate, entendendo pois, e así facilitar e colaborar porque se levara a cabo un acto democrático no concello de Barreiros e así responder ás inquedanzas veciñais a e á iniciativa do movemento asociativo do concello.

Con todo, respetan ante todo as razóns indicadas e alédanse de que estas mesmas razóns non lle están privando ao alcalde en funcións seguir atendendo as súas obrigas no Concello e no seu traballo privado, así como tampouco o están a privar de acudir a actos públicos e de campaña.

Exit mobile version