Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás, onde a Xunta de Galicia ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dólmen da Arca de Sinás), a queima así como o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, segundo souberon ADEGA e Mariña Patrimonio.
Estas asociacións consideran especialmente grave que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural. Ademais, sosteñen que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia.