Foz, 31 de maio de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe en Foz na presentación da campaña Desvirtualízate da Federación de Comercio da Mariña, durante a que subliñou que “o comercio de proximidade xoga un papel fundamental no desenvolvemento económico e social dos concellos”.
O delegado territorial salientou que a Xunta “coincide en obxectivos coa Federación de comerciantes e apoia o seu traballo achegando financiamento para este tipo de accións divulgativas e de fidelización dos clientes”. Ao tempo que recoñeceu que “o comercio en liña é un desafío e unha oportunidade que asumen tamén como propia as tendas locais”, Balseiro salientou que respaldar o comercio de proximidade “tamén é apostar pola sostibilidade”, en referencia aos “traballadores e traballadoras locais, a atención personalizada, os produtos da zona e a redución de embalaxes e de transportes”.