Lugo, 31 de maio de 2019.- A Xunta electoral de zona de Lugo arquivou sen sanción de ningún tipo as denuncias sobre actos informativos do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que se celebraron nas semanas previas ás eleccións xerais do mes de abril e ás municipais e europeas do pasado domingo.
Ningunha das tres denuncias que se rexistraron durante o longo período en que estiveron vixentes as limitacións informativas concluíu con sanción, e incluso nun dos casos a xunta electoral respaldou claramente a actuación denunciada -informar sobre un programa de turismo da Xunta- ao considerar que entraba dentro da “liberdade de información” e non supoñía presentación de logros de ningún partido político.
A día de hoxe, non queda ningún expediente aberto contra as informacións emitidas pola Xunta de Galicia en Lugo. En cambio, continúa en curso un procedemento sancionador por tres denuncias interpostas contra o presidente da Deputación, o candidato socialista do Vicedo, o alcalde de Alfoz e a alcaldesa de Viveiro por actividades informativas non permitidas en período electoral.