O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou o simbolismo desta data, que este ano coincide coa Noite dos Museos, unha convocatoria tamén de ámbito internacional que se celebra tradicionalmente a noite do sábado máis próximo ao 18 de maio. Balseiro afirmou que ambas propostas pretenden “poñer de manifesto o importante papel que xogan os museos como custodios da cultura e a historia dun pobo”.
As actividades en Viladonga son totalmente gratuítas e comezarán ás 17.30 horas. A asociación Xotramu de Muimenta convidará aos máis pequenos a gozar cos xogos tradicionais; Clío Reconstrución Histórica realizará demostracións sobre o proceso de traballo que requirían o liño e a la na antigüidade, dende a confección do fío ata a elaboración das prendas no tear.
A música correrá a cargo da charanga Festicultores e, ás 19.30 horas, dará comezo o concerto da banda Por mi swing, especializada na música dos anos 30, 40 e 50. Xa pola noite, serviranse petiscos e queimada, grazas á colaboración da Asociación de Amigos do Museo de Viladonga e do concello de Castro de Rei.
O Día Internacional dos Museos celébrase dende 1977 cada ano cun lema distinto destinado a subliñar a súa función fundamental para a sociedade. Nesta ocasión, o lema é “Os museos como eixes culturais. O futuro da tradición”.