Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aclara que o Concello da Pontenova, como o resto dos municipios con festas declaradas de interese turístico, si pode acceder ás axudas autonómicas que este ano superan os 7.500 euros

Lugo, 01 de maio de 2019.- A Delegación territorial da Xunta en Lugo vén de aclarar, ante as dúbidas suscitadas en relación con este asunto, que o Concello da Pontenova, como o resto dos municipios galegos con festas declaradas de interese turístico, pode acceder ás axudas autonómicas que esta anualidade superan os 7.500 euros.

O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado 15 de abril as bases da nova convocatoria de axudas autonómicas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia, coas que se apoia a súa difusión e promoción e se incorpora ademais a cobertura dos gastos para a posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte a violencia sexual. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 15 de maio.

A Xunta aclara que estes apoios deben ser solicitados polos concellos galegos, con independencia de que sexan ou non eles directamente as entidades organizadoras do evento, e teñen por obxecto compensar os gastos municipais destinados ao apoio, promoción e difusión destas celebracións, incluído os apoios materias, loxísticos e de seguridade.

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia e, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Exit mobile version