Lugo, 5 de maio de 2019. A Deputada de Economía e Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Deputado da área de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega, participaron este domingo na II Festa Gastronómica da Enfariñada que se celebrou no Concello de Trabada e que uniu música, artesanía e gastronomía.
Mayra García destacou que “ esta festa ten moi boa acollida entre os veciños e agardamos que nun futuro a Festa da Enfariñada chegue a converterse nun referente gastronómico e cultural na Mariña e para provincia de Lugo”.
Esta foi a segunda festa gastronómica do Concello de Trabada, que fai protagonista a “Enfariñada”, un dos pratos de cociña máis típicos desta localidade lucense, e doutros próximos como a Pontenova ou Ribadeo. Neste evento os visitantes puideron degustar esta receita tradicional , que se elabora nunha tixola remexendo ovos, auga, sal e, ás veces, cebola ou torrezos. Semellante ás migas, a enfariñada degustase cando a masa adquire textura consistente e cor tostada.
Durante a xornada os asistentes desfrutaron dunha demostración de restauración-torno da man de Vicente Ledo, actuacións musicais da man do Cuarteto Tradicional Illa Pancha e Airiños da Freba, e puideron percorrer o Mercado de produtos locais de artesanía ou desfrutar do produto gastronómico estrela: a Enfariñada. Xa polo serán, Susana Seivane, unha das artistas galegas de maior prestixio internacional actuou nesta celebración.