Burela 12-5-19. Aproveitando o marco da 18ª Feira Expomar en Burela, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo presentou a adaptación da súa campaña de difusión da cultura mariñeira “Cando o Como?” ao linguaxe apto para invidentes.
O acto, que se celebrou no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, contou coa presenza da Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, o Alcalde de Burela e Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e Eva Lorente Arnás, directora provincial da ONCE en Lugo; ademais do Presidente da Federación de Confrarías e Patrón Maior da Confraría de Burela, Basilio Otero.
Esta iniciativa consiste nunha nova versión do cartel físico da campaña “Cando o Como?” adaptado ao idioma Braille, facilitando así que as persoas invidentes poidan coñecer diferentes especies de peixes e mariscos e o seu período preferente de consumo. O cartel xera un código interno en formato PDF que permite describir o contido que existe no documento; desta maneira calquera persoa cun lector de pantalla pode interpretar ese contido de maneira sonora.
A web da Federación de Confrarías de Lugo adaptouse para este formato de lectura, de modo que en cofradiaslugo.com cun lector de pantalla pódese acceder ao contido e descrición das imaxes dun cartel onde se recollen as principais especies pesqueiras da Mariña e a temporada do ano ideal para comelas.
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, aproveitou para enxalzar o labor social das confrarías de Lugo a través das súas campañas de difusión da cultura mariñeira, que se inclúen nun convenio entre a Federación de Confrarías de Lugo e a Consellería do Mar.