Lugo, 19 de maio de 2019.- A Xefatura Provincial de Tráfico e o Subsector de Tráfico da Garda Civil porán en marcha mañá, luns, nas estradas lucenses, unha campaña de sensibilización dirixida a mellorar a protección dos usuarios vulnerables. Esta campaña vaise centrar na seguridade dos peóns, ciclistas e motoristas, que son os usuarios máis vulnerables das estradas.
A campaña ten por obxecto fomentar a seguridade de tres colectivos que na provincia de Lugo, durante 2017 e 2018, representaron máis do 45% dos feridos graves en accidentes de circulación.
Esta nova campaña de seguridade viaria que desenvolven a Xefatura Provincial de Tráfico e a Garda Civil nas estradas provincia levarase a cabo dende mañá, día 20, ata o xoves, día 24 de maio.
A iniciativa enmárcase na Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020, que se fixou como unha das súas prioridades a protección dos usuarios máis vulnerables, co fin de dar resposta a un dos fosos de accidentalidade identificados.
Os usuarios en situación de vulnerabilidade son aqueles cidadáns que por diferentes circunstancias, ben polas súas características físicas ou ben polo medio de desprazamento que empregan, teñen máis probabilidade de verse implicados nun accidente de tráfico ou de resultar mortos ou feridos por causa do mesmo. O concepto inclúe aos peóns en xeral (nenos, adolescentes, mozos, adultos, maiores e persoas con mobilidade reducida), así como a ciclistas e motoristas.
A Xefatura Provincial de Tráfico xunto co Subsector de Tráfico da Garda Civil poñen en marcha esta campaña de sensibilización con un dobre obxectivo: por un lado, concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa vulnerabilidade na estrada e lembrarlles a necesidade de facerse visibles con elementos e prendas reflectoras e usar os sistemas de protección específicos como cascos, así como a indumentaria adecuada para circular con bicicletas e motocicletas; por outro lado búscase sensibilizar aos demais usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante ante a súa presenza na vía, polo que deberán:
•reducir ou moderar a velocidade
•prestar especial atención en cruces e xiros
•mirar polos espellos retrovisores para confirmar a posible presenza de ciclistas/motoristas
•usar os intermitentes con antelación suficiente para sinalizar as manobras
•respectar a distancia lateral de polo menos 1,5 metros ao adiantar a un ciclista ou peón
•e manter sempre un espírito de cortesía e colaboración para fomentar comportamentos e contornos seguros así como favorecer a mobilidade de todos
CONTIDO E DESTINATARIOS
Axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil farán entrega nas estradas de elementos reflectantes de alta visibilidade a peóns que se despracen polas vías sen facer uso deste tipo de prendas. Tamén se distribuirán trípticos informativos a ciclistas, motoristas e condutores doutro tipo de vehículos coas normas e recomendacións dirixidas especificamente a estes colectivos.