Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Viveiro defende para o sector pesqueiro máis formación ou menos demora nas consultas médicas obrigatorias

 Viveiro, 13 de maio de 2019. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, mantivo este luns unha reunión con representantes da Confraría de pescadores Santiago Apostol e de Portos de Celeiro, na que tamén participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos, e a Deputada do PSOE no Parlamento Galego, Patricia Otero. Foi un encontro de traballo no que Loureiro trasladou os proxectos que levará a cabo para dar resposta ás demandas do sector pesqueiro.

As medidas son as seguintes:
– Xestionar a implantación de novos cursos para preparación das persoas que queiran desenvolver as súas actividades no mundo da pesca, demandando unha escola que imparta ciclos formativos de Grao Básico (actividades marítimo-pesqueiras) e de Grao Medio (mantemento e control de máquinas en buques e navegación e pesca litoral), e tamén a posibilidade de impartir FP Dual marítimo-pesqueira, formación básica (mariñeiro-pescador), formación avanzada (sanitarios, seguridade marítima, etc.), evitando así longos desprazamentos para acadar eses estudios noutras localidades.
– Traballar co ISM para que as consultas dos recoñecementos médicos obrigatorios das xentes do mar non teñan tanta demora na súa realización.
– Pomocionar os produtos pesqueiros, turismo pesqueiro e apoiar a divulgación das iniciativas do sector, festas gastronómicas así como todo o relacionado cos problemas dos traballadores do mar.
– Celebración das Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro.
– Afianzamento do programa Vivemar de difusión da cultura mariñeira.

Durante estes 4 anos a Alcaldesa de Viveiro mantivo unha estreita colaboración e relación co sector pesqueiro para coñecer de primeira man as necesidades dos traballadores. “Deste xeito e sendo consciente das demandas, compromeétome a que o Goberno Municipal seguirá colaborando e apoiando á pesca, en concreto o porto de Celeiro, referente do norte de España, que xera moitos postos de traballo na Mariña”, destacou a Alcaldesa.

Santos Ramos subliñou que “dende o Goberno da Deputación impulsaremos o programa Mariñeiros por un día para que máis escolares da provincia coñezan as potencialidades que ofrece o mar”.

Exit mobile version