A través do relato autobiográfico, da escenificación satírica de episodios históricos, de testemuños populares traídos polos pelos, de cantigas medievais e pezas do repertorio folk ou rock galego, Pepe Penabade e Carlos Santiago desafíannos a unha viaxe humorística pola realidade viva da lingua, á procura dunha visión liberada de prexuízos e idealizacións, que nos permita desentrañar un chisco os enigmas dese falar por falar que vén sendo toda lingua.
Os intérpretes
Carlos Santiago
Escritor, dramaturgo e monologuista, formou parte da compañía Chévere e da Sala Nasa ata finais dos noventa, e como músico e letrista de grupos como Nicho Varullo, a Banda da Nasa ou a Psicofónica de Conxo.
En 1998 inicio o seu traballo como dramaturgo e director escénico, que desenvolve tanto en Galiza como en Portugal, con máis de trinta pezas estreadas a un lado e outro do Miño, entre as que destacan “Ascensão e Queda de Zé Grotewski” “Ratman e Bobyn” “Abraço de Ferro” “Sidecar” “Mamã Lusitânia” “Finlandia” “República de Gundián” “Ruina” “Dura Lex” “Cicatriz ou a mulher que foi mordida por un leão” “Tráfico” ou “Cranios privilexiados”. En 2010 dirixiu para o C.D.G. “Salomé de Oscar Wilde” e colabora regularmente con con compañías galegas e portuguesas como Mofa e Befa, Trigo Limpo Teatro Acert, Baal17, Al Teatro, Chévere, Volta e Dálle, Zunzum AC, A Barraca e outras, destacando tamén a súa implicación en proxectos de teatro comunitario
Pepe Penabade
É un dos fundadores da compañía Os Quinquilláns da que formou parte como actor e escenógrafo en numerosos espectáculos entre 1987 e 1999. No ano 2000, crea “Volta e Dálle”, compañía que dirixe na actualidade. En Volta e Dálle traballa como actor nos espectáculos “Dura Lex”, “Menciñeiros”, “PAN, catro propostas arredor da malla”, “Jalisia ¡Mi Madriña!”, “Salitre”, “Furga Garabela”, “Peccata Minuta”, “Rodesindo da Barrosa” e “Buqueiras Novo”. Nestes últimos anos tamén traballou como actor noutras compañías como Chévere (Eurozone) ou no C.D.G. (Salomé). O cinema e a televisión contaron co seu traballo como actor, entre outros en títulos como: Victoria 3 de Marzo, 23F, Os pasos sobre a terra, Chapapote, Maratón, Tac, A mariñeira, Matalobos, Pataghorobí, Pepe O Inglés, Padre Casares, Serramoura, Hospital Real, Libro de Familia, Rias Baixas, Terra de Miranda ou Mareas Vivas.