Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares reivindica a defensa de Alcoa fronte aos que apostan polas portas xiratorias e permiten a morte industrial da Mariña

Viveiro, 13 de abril de 2019.- En Marea continuará defendendo os intereses dos consumidores fronte aos abusos das grandes empresas eléctricas, e traballará para que as factorías de Alcoa continúen funcionando e manteñan a totalidade dos seus postos de traballo. É o compromiso que este sábado o voceiro volveu deixar en Viveiro. Alí Luís Villares denunciou a nefasta xestión de PP e PSOE, que durante anos priorizaron os intereses persoais en detrimento de toda a cidadanía; e permitiron a morte industrial da Mariña lucense.

“Estamos aquí para defender Alcoa, para defender a industria e a todos os cidadáns da estafa da luz. Votar En Marea é votar futuro, é votar pola fin das estafas. Votar polo PP, igual que polo PSOE, é votar pola morte industrial da Mariña de Lugo”. Así falaba Luís Villares antes de participar nun acto en Viveiro xunto ás candidatas para o Congreso e o Senado Cristina Pérez Herraiz, Victoria Esteban e Manuel Germade. O voceiro de En Marea animou ao ex presidente Mariano Rajoy; que recentemente ven de reaparecer na primeira liña política para arroupar a campaña electoral do Partido Popular; a dar explicacións sobre a situación da Mariña.

“É unha boa oportunidade para pedirlle contas a quen é responsable dun dos maiores desastres que se están producindo na Mariña nestes momentos. En relación ao tren, A Mariña perdeu unha oportunidade de futuro por non contar cunha aposta dende o estado durante os anos nos que Rajoy foi presidente. Que o explique. Ademais, estamos vivindo a posibilidade de peche de Alcoa como consecuencia dunha estafa política e dun caso de corrupción institucional promovido polo propio Mariano Rajoy e polo goberno do Partido Popular”, indica Villares.

Fronte aos que apostan polas portas xiratorias e por priorizar o interese persoal e os beneficios das grandes empresas amigas, En Marea sitúase do lado da cidadanía. “Dende En Marea propoñemos unha reforma integral do sector eléctrico que permita abaratar os prezos da luz e que supoña a viabilidade das empresas electrointensivas como Alcoa. Pero tamén a fin da estafa mensual que os recibos da luz supoñen para todos os fogares”, afirama o voceiro.

A aposta de En Marea pasa tamén por garantir que todas as empresas electrointensivas que reciban subvencións teñan a obriga de investir na modernización das súas instalaciós e garantir os postos de traballo. Ademais de prohibir as portas xiratorias “como medida esencial de hixiene democrática. Para que persoas como Felipe González, como José María Aznar, e quen sabe se pronto tamén Mariano Rajoy, non rematen nas empresas eléctricas que se benefician desta estafa cidadadá”.

Luís Villares lembrou a importancia de Alcoa, unha planta que aporta o 33% do PIB de toda a província de Lugo; e á que o Partido Popular e o PSOE teñen deixado na estacada. “A regulación do sector eléctrico supuxo grandes beneficios para empresas nas que agora están colocados ex presidentes do goberno facendo de lobbys, de forma absolutamente corrupta, para beneficiarse e beneficiar esas empresas en detrimento de toda a cidadanía. E iso pode dar lugar ao peche de Alcoa”, denuncia Luís Villares.

Exit mobile version