Neste senso, a conselleira lembrou que son 4.932 as edificacións que estarían afectadas por este cambio normativo, das cales máis de 100 serían establecementos relacionados coa cadea mar-industria, coma depuradoras de moluscos, plantas acuícolas, cocedoiros ou conserveiras. Amais, o alcalde cervense apuntou a que entre estas estruturas afectadas tamén se atoparían elementos de servizo público coma colexios, centros de saúde, parques e outras infraestruturas.
No caso de Cervo, Villares e Quintana subliñaron que dous bos exemplos desta posible afectación e achega de inseguridade xurídica serían a EDAR de San Ciprián e a planta de cultivos mariños que Stolt Sea Farm, ambas radicadas no polígono empresarial de Cuíña, e que posúen áreas de vital importancia dentro do Dominio Público Marítimo-Terrestre, tales como os emisarios de saída ou captación de auga.
A este respecto, o primeiro edil de Cervo e a conselleira do Mar sinalaron que esta modificación normativa pode poñer en risco a viabilidade do investimento de 14,5 millóns de euros que a firma acuícola Stolt Sea Farm está a realizar no polígono para ampliar a produción de rodaballo e linguado, e que crearía 75 novos postos de traballo entre directos e indirectos. Cabe lembrar que a localización da zona de bombeo e captación de auga salgada e a de evacuación da planta atópase dentro da zona de Costas e sometida a concesión, cuestión que agora se ve sometida a unha grave inseguridade xurídica como consecuencia da proposta de modificación do sinalado Regulamento.
Esta afectación do réxime xurídico das prórrogas de concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre levaría a xerar dúbidas sobre os prazos de duración das concesións en base aos cómputo das prórrogas, á achegada pola necesidade de revisar, caso a caso, si se compren ou non os requisitos establecidos para o outorgamento da concesión no momento de decidir si procede ou non a prórroga solicitada e na posibilidade de ter que derivar fóra da zona de Costas todas as actividades que podan emprazarse noutro lugar.
Para a conselleira do Mar non se pode permitir que para vestir de forma xurídica un cambio de rumbo do Goberno de Sánchez na prórroga da concesión de Ence se faga a toda presa esta modificación baixo una tramitación de urxencia e sen apenas contar coas comunidades autónomas nin cos concellos. Para Quintana, esta proposta deixa na inseguridade ás instalacións e pode afectar á viabilidade das empresas en canto a que teñen establecido os seus plans de traballo en función da duración das concesións e recortar a súa duración ou modificar as súas condicións pode afectar á súa viabilidade.
Por último, Alfonso Villares apuntou que esta proposta pode deixar no aire as concesións de múltiples instalacións públicas nas que se prestan servizos básicos á cidadanía, destacando a situación da EDAR sancibrense, mais indicou tamén que en todo Galicia hai todo tipo de edificacións afectadas, desde colexios a centros de saúde, pasando por garderías ou instalacións deportivas. Para o primeiro edil cervense, esta norma ten que ser revisada para evitar o atropelo que pode supor para os concellos costeiros, alén de destacar que esta é unha nova volta de torca na presión que esta normativa de Costas exerce sobre as zonas urbanas do termo municipal, caso de San Cibrao.