O Alcalde de Alfoz agradeceu a confianza e o apoio dos seus compañeiros para encabezar unha vez máis a lista dos socialistas para o Concello. “Imos a traballar para que Alfoz siga medrando e para iso temos que seguir ofrecéndolles aos veciños un modelo político social e próximo ás persoas. Cando chegamos á alcaldía atopámonos cun serio problema económico. O Concello estaba tan sumido nunha crise financeira que non tiñamos cartos nin para pagar as nóminas aos traballadores públicos. A débeda municipal que nos deixou a nefasta xestión do PP superaba os 600.000 euros. Hoxe, grazas ao traballo dos socialistas no Goberno Municipal, podemos afirmar que eliminamos a débeda dos veciños, deixándoa a 0, para así poder proporcionar aos alfocenses os servizos necesarios para ter unha vida digna no rural. Ademais, conseguimos case duplicar o orzamento do Concello, pasando do 1,2 millóns aos máis de 2,1, acadando neste mandato os presupostos máis altos da historia de Alfoz”.
Dotando a Alfoz de prestacións básicas
“Durante esta primeira lexislatura a nosa prioridade foi dotar ao Concello de prestacións e servizos básicos coas que non contaban ou que se atopaban nun estado moi deficiente: acondicionamos accesos públicos no conxunto do municipio, instalamos alumeados públicos en parroquias onde antes non tiñan luz e melloramos a rede de traídas de augas. Tamén nos centramos en mellorar os edificios públicos como a Casa do Concello, o pavillón deportivo a piscina municipal ou o campo de fútbol. Unha das preferencias do noso equipo de goberno é que os nosos maiores estean atendidos como merecen. Neste eido, grazas á colaboración dos nosos compañeiros no Executivo da Deputación, ofrecemos atención profesional a máis de 60 veciños de Alfoz co SAF Básico e a Teleasistencia gratuíta. Ademais, as achegas do organismo provincial permítennos manter aberta durante as fines de semana a Oficina de Turismo cun profesional que ofrece asesoramento aos visitantes que se achegan ao municipio”
“Asentando as bases para un futuro mellor”
O Alcalde de Alfoz subliñou que “nestes 4 anos de mandato os socialistas asentamos unhas boas bases para que o noso municipio conte cun futuro mellor. E o fixemos gobernando dun xeito honesto, preocupándonos sempre porque os nosos veciños tiveran os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades. Para a próxima lexislatura queremos elaborar uns orzamentos participativos, atendendo as demandas dos veciños de cada parroquia para así desenvolver un proxecto social que involucre á cidadanía. Continuaremos traballando para poñer en marcha iniciativas que dinamicen a economía e a vida do noso municipio”.
Alfoz, un exemplo de transparencia
“O Concello de Alfoz é un exemplo de transparencia na xestión co principal obxectivo de ofrecerlles aos veciños unha calidade de vida mellor”. Neste eido, Santos Ramos puxo en valor os 1,4 millóns de euros que investiron os socialistas en Alfoz dende o Goberno da Deputación para a mellora de servizos públicos. “Isto supuxo a dotación dun aparcadoiro de autocaravanas con 40 prazas, a instalación dun depósito de auga en Adelán, melloras na eficiencia enerxética do Castillo de Castro de Ouro, a pavimentación de accesos na maioría de parroquias ou a rehabilitación da LU-P-0204 de Carrocide a Arnela e a LU-P-0211 de Adelán por Figueiras a Luí, entre outras actuacións. E que fixo o PP na Xunta de Galicia por Alfoz?. Absolutamente nada. Non remataron as concentracións parcelarias, teñen bloqueado o PXOM, non limpan os ríos, levan paralizando 5 anos o proxecto integral da rede de saneamento e abastecemento… e así con todo. O goberno galego nin está nin se lle espera”.
“Xogámonos avanzar ou retroceder”
César Mogo e Sonsoles López destacaron que “estamos nun momento moi importante para o futuro do país. Xogámonos o día 28 de abril e o 26 de maio avanzar ou retroceder. Continuar cun proxecto social que recupera dereitos ou un modelo retrógrado que o único que quere é limitalos”. Os socialistas puxeron en valor algunha das medidas levadas a cabo polo PSOE no Goberno do Estado e que afectaron positivamente aos veciños de Alfoz. Por exemplo, puxeron en valor os 122.000 euros máis ao ano que recibe Alfoz tras o aumento das pensións, do que se beneficiaron 860 pensionistas do Concello, a subida do SMI, a baixada do paro, entre outras medidas.
“Candidatura comprometida con Alfoz”
“Presentamos unha lista renovada, con caras novas, de diferentes sectores do Concello que representan ao conxunto da sociedade de Alfoz. Contamos con torneiros, canteiros, profesores, empresarios, mecánicos, estudantes ou xubilados. Todos eles viven en Alfoz e teñen as súas vidas aquí, comprometidos co municipio e non como outros candidatos que só pasan polo Concello para vir a traballar”, apuntou o Alcalde socialista. Integran a candidatura:
Jorge Val Díaz, Ana Aránzazu Incera Ares, Cándido Paleo Rejes, María Luisa Goás Lorenzo, César Marrube Novo, Ana Belén Díaz González, Alejandro Carballeira Pedreira, Sonia Expósito Goás e Elías Pardeiro Cayón. Suplentes: Justo Juan Maseda Paz, María Carmen Hermida Vizoso, José Ramón Vizoso Goás, Carlos Sanjurjo Lorenzo e Ramón Rubal Fernández.