Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ribadeo: explosión de ciencia”, por Antonio Gregorio Montes

Ben. A conto do título, un apunte: non se trata dunha explosión destrutiva, nin moito menos, senón unha explosión no mesmo sentido que a explosión de flores nos campos na primavera. Da vida que medra, se organiza e aprende a vivir.

Chegan estas datas, e un evento esperado ano tras ano polos estudantes de medias de Ribadeo volve facerse realidade. Que unha das cousas que se preguntan a comezos de curso sexa ‘cando é a feira?’ indica que os estudantes contan da feira, como di o refrán, segundo lles vai nela: ben.

Este ano, a 25 Feira da Ciencia de Ribadeo ten lugar entre mércores 10, e venres 12 de abril, polas mañás, no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. E alí se atopan os alumnos, libres para aprender e para ensinar. Para participar e facer partícipes á demais xente de anaquiños de ciencia misturada coa súa propia vida, que manifestan a cada explicación que dan. Explicacións que son recibidas ás veces -poucas- con indiferencia, pero tamén ás veces -moitas- con auténtico asombro. Como un exemplo deste ano, ver reconstruído un esquelete dunha musaraña (entre outros) a partir de egagrópilas (que non sabes o que é unha egagrópila? vai por alí e apréndeo, moito mellor que en Google!) deixa asombrada a toda canta persoa pasa por diante e ve. Podo certificalo porque aínda adiquei un cachiño a ver a expresión da xente mentres os alumnos de Susi Besteiro explicaban o proceso. Xente á que moitas veces lle costa crer que outra xente, de 4º ESO, sexa capaz de facer unha reconstrución así.

De calquera xeito, moitas veces o primeiro que se pulsa (e antes que ninguén, os alumnos) é a ilusión do equipo de profesores que liderados por Susi participan na edición. Este ano, a María del Monte, Bea ou Mario nótaselles á primeira ollada. Tamén o perciben e comentan moitos outros compañeiros, mesmo de paso casual polas aulas do IES, que quedan coas ganas de participar para outro ano que volten coincidir. Xente que queda estimulada ó observar unha labor que deixa pegada.

E os alumnos? Que se é un alicerce que deixen a aula unhas horas para expoñer algo do que se sinten en xeral orgullosos de que saíra de si? Pois claro! As clases normais non poden competir en atractivo, aínda que de feito, as horas adicadas a ‘facer’ os traballos sexan máis que as adicadas a explicalos, é dicir, aínda que traballen máis con este sistema (algúns, moito máis). Aprendizaxe en acción, facendo e explicando, integrando as cousas, relacionándose cos demais e pensando en como facer que entendan, coas súas propias verbas. Esa aprendizaxe inclúe, ás veces, erros que non son corrixidos no momento, pero que máis tarde pasan á memoria de como se foi aprendendo.

E o ambiente? Ir para ver.

Pódense dar explicacións do que sucede con teorías didácticas, mais coido que a máis sinxela é a máis axeitada: ós alumnos pode gustarlles facer ciencia. Facela así.

Exit mobile version