Site icon Crónica3.com A Mariña

Propostas do PP de Alfoz sobre educación

Alfoz 19-4-19. En Alfoz existen actualmente dous centros educativos: o colexio de primaria “Castro de Ouro” e o instituto de ensinanza secundaria “Alfoz-Valadouro” (este último con prazas de alumnado compartidas entre Alfoz e O Valadouro). Un dos grandes problemas ós que se enfrontan estes dous centros nos últimos anos é o da diminución no número de alumnos, problema derivado, loxicamente, da gran baixada de poboación experimentada polo noso Val nos últimos tempos. Nós seguimos apostando pola autonomía destes dous centros educativos, pola súa continuidade, pois representan a proximidade na ensinanza, a implicación do proceso educativo no propio entorno dos alumnos, no noso concello. Ó mesmo tempo propoñémonos unha maior implicación do goberno municipal no funcionamento dos centros educativos que nel se atopan, cunha participación máis comprometida nos consellos escolares, coa colaboración con estes na adecuada marcha dos centros e cun crecente interese polo éxito educativo nos mesmos.
Pretendemos tamén, dentro das nosas posibilidades, promover axudas para os estudantes de Alfoz, colaborando na adquisición de libros de texto, organización de transporte escolar dentro e fóra do concello, viaxes culturais, en colaboración con outras institucións implicadas no tema.
Pensamos que a continuidade do noso centro de ensinanza secundaria (o instituto Alfoz-Valadouro) pasa por estender a súa oferta educativa por medio da implantación dalgunha especialidade ou ciclo formativo de carácter profesional, para o cal pretendemos, en colaboración co profesorado do centro, xestionar coa Administración Educativa, a súa posible implantación. Pensamos que este ciclo formativo, dadas as características do noso concello, debería ter unha certa vinculación co traballo da madeira, pero non descartamos tamén outras posibilidades ó respecto, como algo relacionado co benestar da terceira idade, moi importante no noso concello. A situación de Alfoz, no centro da Mariña, resulta moi vantaxosa pola súa equidistancia respecto ós demais concellos para que nel puidera abrirse un módulo destas características. Esta implantación aseguraría a continuidade do centro e contribuiría a aumentar a matrícula de alumnos no mesmo.
Gustaríanos achegar os rapaces novos, estudantes no noso concello, ó funcionamento político do mesmo. Parécenos moi conveniente que, na súa formación, comprendan a importancia da implicación política dos veciños nas súas institucións, como unha forma de conservar os valores e as riquezas da súa terra e loitar pola súa supervivencia. Organizariamos visitas guiadas ó concello para certos niveis educativos e explicariámoslles como funciona un concello por dentro e cales son as funcións dos diversos lugares do mesmo e das diversas persoas que o fan funcionar.
En colaboración co colexio “Castro de Ouro” e co instituto “Alfoz-Valadouro”, organizariamos cursos e obradoiros de interese no momento actual, sobre temas como a “educación sexual”, a “orientación profesional”, a “planificación familiar”, a “violencia de xénero”, o “respecto ó medio ambiente” e calquera outro tema interesante que nos suxeriran as comunidades educativas dos dous centros do noso concello.
Pretendemos manter un contacto frecuente cos equipos directivos dos centros, para coñecer a súa problemática e apoialos nos aspectos que nolo soliciten, intentando conseguir que comunidades educativas e veciñanza formen un bloque unido en defensa da adecuada educación dos nosos rapaces.

Exit mobile version