Ribadeo 10-4-19. Propostas de En Marea Ribadeo sobre a xestión dos residuos e a limpeza viaria.
Achegamos nesta ocasión as nosas propostas no eido da xestión de residuos, unha das competencias municipais na que se está a facer un desempeño menos eficaz. A pesar da gravidade da situación a escala mundial e da deficiente situación local, cunha taxa de reciclaxe moi mellorable e abondantes residuos na contorna da vila e nos espazos naturais, carecemos de programas de sensibilización ou de ideas e proxectos de mellora.
1. Recollida e xestión de residuos:
A recollida do lixo faise en Ribadeo por dous actores diferentes: os traballadores municipais recollen a bolsa negra -“a orgánica”- con cargo ó noso peto, mentres que empresas privadas recollen envases de papel, vidro, plástico e metal sen custe (pagamos esa recollida coa compra de cada envase). As estatísticas din que máis da metade do que botamos na bolsa negra é material reciclable que debera ir (gratis) nos outros colectores. A repercusión económica dese deslexo é algo que a maior parte da veciñanza non coñece: pagamos máis de 500.000€ anuais entre persoal, combustible, maquinaria e a cota de SOGAMA para que a enterre ou queime lixo en Cerceda. Medio millón de euros dos que poderíamos aforrar a metade nada máis que separando ben o lixo.
– Estratexia participativa de sensibilización:
Desde En Marea propoñemos desenvolver unha intensa actividade de información e sensibilización, incluíndo accións nas festas, xuntanzas coas asociacións veciñais, actividades nos centros de ensino e programas de control e recompensa ós barrios que melloren a selección dos seus residuos.
– Programa de compostaxe municipal:
A outra metade da bolsa negra é materia orgánica. Desde En Marea propoñemos o
desenvolvemento dunha rede de composteiros comunitarios nos núcleos urbanos de Ribadeo e Rinlo nos que a materia orgánica se convirta en compost, para seu emprego en xardíns públicos ou privados, ou mesmo para a súa venda. Para as parroquias propoñemos reemprazar a recollida de lixo polo reparto de composteiros para a fracción orgánica e un punto limpo móbil para recoller o resto do lixo. A compostaxe e unha mellor selección poden transformar ese medio millón de euros anuais en emprego local.
2. Limpeza Viaria:
A gravísima contaminación por residuos -plásticos fundamentalmente- nos océanos do planeta debe facernos reaccionar tamén ás ribadenses, xa que os residuos que botamos na rúa rematan por chegar ó mar. Tamén as papeleiras que empregamos mesmo en espazos como a illa Pancha, as Catedrais ou as Aceas, non selectivas, abertas e sen recollida programada, son a miúdo -polo vento e as gaivotasunha fonte de lixo que vai chegar ó mar. Partindo da idea de que o varrido diario da vila non debera ser preciso -unha boa sensibilización da veciñanza abondaría para ter unhas rúas limpaspropoñemos,
entre tanto acadamos ese nivel de concienciación que nos corresponde:
– A inclusión do núcleo turístico de Rinlo no esquema de limpeza, cun varrido antes e despois de cada fin de semana.
– A eliminación das papeleiras das nosas rúas, estradas e espazos naturais, reemprazándoas por puntos de recollida selectiva formadas por grupos de 4 papeleiras (as actuais, pintadas das cores correspondentes e colocándolles unha tapa). Estes puntos deberán situarse nos cruces das rúas máis importantes da vila, no inicio e final dos roteiros de sendeirismo e nas entradas dos espazos naturais, incorporándo todos eles ó esquema de limpeza viaria cunha recollida mínima semanal.
– A obriga de instalación -e valeirado periódico- de cinceiros fixos na porta de todos os establecementos de hostalería e edificios públicos.
3. O punto limpo é o lugar onde se recollen os residuos perigosos (pinturas, aceites, etc.), pero tamén electrodomésticos, mobles vellos, e obxectos de madeira, metal e plástico que a miúdo poderían ser aproveitados, reparados ou restaurados. Desde En Marea propoñemos reducir o volume destes residuos fomentando o reemprego deses bens:
– Asociar ó Punto Limpo un centro de reciclaxe, almacenando durante un periodo mínimo dun mes os obxectos depositados pola veciñanza para que poidan ser recollidos por outras veciñas e empresas locais ou empregados en talleres de formación polos centros de ensino local ou en obradoiros organizados polo propio Concello.
Pretendemos, coma sempre, presentar estas ideas á veciñanza co ánimo de abrir o debate e chegar a fórmulas acordadas para unha mellor xestión municipal en Ribadeo.