Pedrafita do Cebreiro, 19 de abril de 2019.- O candidato do PSOE ao Senado pola provincia de Lugo e Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, destacou este venres as medidas levadas a cabo polo Goberno de Pedro Sánchez durante estes 10 meses para potenciar o rural, favorecendo o relevo xeracional no campo, empoderando ás mulleres rurais e impulsando un sector agrogandeiro moderno, rendible e sostible.
Raposo subliñou a importancia de realizar un control exhaustivo da fauna salvaxe, desenvolver unha estrutura de renda básica para as persoas que viven no rural e que fagan labores fundamentais para o desenvolvemento do territorio como por exemplo limpar a súa propiedade, que serviría de complemento para ter unha vida máis digna. “É básico ofrecer incentivos fiscais para os negocios e empresas instaladas no rural que non poden pagar o mesmo que nunha cidade pois non teñen as mesmas oportunidades nin os mesmos beneficios. Dende o PSOE, tamén imos a apostar pola diversificación e consolidación da nosa oferta de turismo na Montaña, por exemplo Os Ancares, como motor económico que axude a fixar poboación”.
Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico
O candidato ao Senado sinalou que para a vindeira lexislatura os socialistas comprométense a elaborar unha Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico porque “o mundo rural é un eixe prioritario para este Goberno e iso é moi importante para unha provincia como Lugo, eminentemente rural. Para iso imos a elaborar un compendio de medidas para corrixir os desequilibrios levados a cabo polo PP durante 7 anos, sobre todos nos anos de crise económica, que se cebou con dureza nos veciños que vivimos no rural”. Raposo detallou varias delas como a dixitalización do territorio, a necesidade de manter servizos e infraestruturas ou a recuperación de terras abandonadas.
O PSOE aposta pola futura PAC
“Unha das apostas do Goberno de Pedro Sánchez é a Política Agraria Común (PAC). Duplicamos a axuda complementaria para a xente nova recen instalada, pasando de 18 a 36 millóns de euros. Creo que é básico extrapolar o que se está facendo en países como en Francia, onde o 10% da PAC retraese a ganderías das zonas de montaña. Ademais, incrementaremos o investimento público ao sistema de seguros agrarios ata recuperar os niveis de 2011. Neste eido PP, Cs e os independentistas terán que explicarlle aos gandeiros porqué votaron en contra de destinar 30 millóns para axudas aos seguros agrarios que viñan recollidos nos Presupostos Xerais do Estado”, subliñou Raposo.