Burela 7-4-19. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo volverá promocionar os seus produtos pesqueiros no Salón Gourmets, que se celebra esta semana en Madrid. A pescada do pincho de Burela, como especie de maior importancia comercial na súa lonxa, e a xarda, como un peixe azul de temporada de importante rendabilidade para as flotas de cerco e arrastre de litoral; serán as especies que se poderán degustar nesta edición da feira gourmet.
Esta degustación gastronómica terá lugar o luns 8 de abril no stand da Confederación Española de Pesca (CEPESCA) no Salón Gourmets, dentro do seu programa “El Mapa de los Sabores del Mar”, no que se destacan a orixe, a zona e arte de pesca coa que se captura cada especie, así como as súas principais propiedades nutritivas e gastronómicas.
De 12:30 a 14 horas, ademais da pescada do pincho e a cabala de Burela, tamén se poderá degustar unha selección de produtos pesqueiros: a gamba roja e a pintarroja de Almería, o langostino de Sanlúcar, o pulpo de Mauritania, o calamar de Malvinas e o atún rojo do Mediterráneo.
A 33ª edición do Salón Gourmets celébrase en IFEMA do 8 ao 11 de abril. É a Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, líder do produto de alta gama e unha das máis prestixiosas do mundo no seu xénero.