Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE impulsa iniciativas para que os traballadores poidan vivir con dignidade: subida do SMI, ampliación do permiso de paternidade e máis dereitos para os autónomos

 Lugo, 24 de abril de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, puxo en valor este mércores as medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez “para que os traballadores poidan vivir con dignidade do seu traballo e non da beneficencia de ninguén. Por iso, promovemos a subida do SMI para que chegara aos 900 euros. Coma sempre, a dereita ameazounos con que era imposible soportar eses salarios pero o que, de verdade, era imposible é vivir con 735 euros como estaban obrigando a vivir a moitos lucenses. Por este motivo, necesitamos seguir no Goberno do Estado para que haxa cartos para os traballadores e non para rescatar bancos ou autopistas, porque cartos hai a cuestión é para que os destinamos”.

Igualdade laboral entre homes e mulleres
Santos Ramos destacou que para os socialistas “a igualdade plena e real é un camiño no que non pode haber nin un paso atrás. É un obxectivo irrenunciable. E para elo, temos que acadar a igualdade laboral entre homes e mulleres. Por iso, o Goberno Socialista aprobou un incremento no permiso de paternidade que no 2021 chegará as 16 semanas, polo tanto será igual entre homes e mulleres. Con isto, conseguiremos que ninguén teña unha escusa para non contratar a unha muller porque o permiso de paternidade dura máis que o de un home e, deste xeito, avanzaremos no camiño para que a conciliación sirva para poder criar aos nosos fillos mentres traballamos e non para poder traballar mentres se crían”.

Máis dereitos para os 34.000 autónomos da provincia
“Os autónomos foron os grandes esquecidos da dereita en materia de regulación laboral e de dereitos laborais. Persoas que tiveron iniciativa, valor para emprender e que hoxe son máis de 34.000 na provincia de Lugo. O PSOE quixo telos en conta e dar un avance importante nesta materia por iso, estas persoas teñen agora dereito a paro e a un baixa de ata 2 anos, así como a indemnización se quedan sen actividade. Queremos impulsar máis cambios e chegar a unha equiparación real entre os dereitos laborais dos traballadores autónomos e dos traballadores por conta allea. Para iso, é fundamental que o próximo 28 de abril academos unha maioría sólida que nos permita seguir nesta liña”, sinalou o Secretario Provincial.

Exit mobile version