Lugo. 16, abril, 2019. O Partido Popular lucense remarcou nun acto sectorial de sanidade que contou coa participación do presidente da Sociedade Española de Reumatoloxía, Juan J. Gómez-Reino; e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; xunto aos candidatos do PP ao Congreso e ao Senado por Lugo “a mellora das infraestruturas sanitarias e do equipamento sanitario con novas dotacións tecnolóxicas durante o mandato do Partido Popular”.
Concretamente, os populares recordaron que “os lucenses vímonos beneficiados de novos servizos, que ata o mandato do presidente Feijóo non existían en Lugo como é o caso dos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hula; ademais da mellora de varios servizos no hospital público da Mariña (que tamén veu ampliadas as súas instalacións) e no centro hospitalario de Monforte, en ambos casos coas salas de onco-hematoloxía (quimioterapia) ou os equipos de hospitalización a domicilio, entre outros”.
Pero os compromisos do Goberno galego coa cidade de Lugo recóllense tamén nos orzamentos para este 2019 “ao achegar máis de 5 millóns para a construción do centro integral de saúde no barrio da Residencia”. Así mesmo, “o Goberno galego tamén mellorará o hospital de Monforte de Lemos e construirá un novo centro de saúde no Saviñao, por poñer algúns exemplos”.
Sanidade pública, prioridade para o Partido Popular
Os populares lucenses recordan que “a sanidade pública sempre foi unha prioridade para o Partido Popular. E así o demostra o Goberno galego que apostou por dedicar á nosa sanidade pública máis do 40% do orzamento da Xunta para este 2019 ata achegarse aos 4.000 millóns de euros, a cifra máis alta da historia na nosa comunidade autónoma”.
Así mesmo, dende a Comisión Provincial de Sanidade do Partido Popular sinalaron que “grazas ás políticas do Partido Popular, hoxe os galegos temos garantidos por lei prazos de espera máximos, temos dereito a elección de profesionais ou centros hospitalarios por un novo problema de saúde e tamén a vacinas gratuítas para os nenos. Igualmente, contamos con novos medios de prevención de determinados cancros e vías máis rápidas para a súa atención”.
Un modelo eficiente
O Partido Popular está comprometido a mellorar dende o Goberno do Estado un sistema sanitario universal, gratuíto e de máxima calidade, como sempre fixo. Concretamente, Pablo Casado aposta por un modelo eficiente que respecte aos profesionais médicos e que atenda ás persoas.
Gómez-Reino
Un destes profesionais médicos é o doutor e catedrático Juan J. Gómez-Reino que conta coa especialidade en Reumatoloxía e que preside a Sociedade Española de Reumatoloxía. O relator participante neste acto tamén é o xefe do comité directivo do rexistro español de Biolóxica BIOBADASER dende que foi creado no ano 2000. E no 2014 recibiu o XVIII Premio Novoa Santos atendendo á súa traxectoria académica, asistencial e organizativa.
Actualmente, o profesor Gómez-Reino está a traballar na Fundación Ramón Domínguez, no Hospital Clínico Universitario de Santiago onde se incorporou como xefe de servizo de Reumatoloxía no ano 1997 e no HM Nosa Señora da Esperanza.
O seu interese principal na investigación céntrase nas artropatías inflamatorias crónicas. É o autor ou coautor de numerosos artigos e artigos orixinais sobre artrite reumatoide, espondiloartrite e outras enfermidades reumáticas crónicas.