Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP apoia ao sector da pesca lucense defendendo un modelo de reparto equitativo das cotas de xarda con diálogo e consensos

Viveiro. 13, abril, 2019. O Partido Popular reitera a necesidade de que o Goberno “escoite” ao sector antes de establecer un reparto das cotas da xarda. Así o expuxeron na reunión que mantiveron este sábado con membros do sector, e no que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ademais dos candidatos ao Congreso, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
Deste xeito, os populares apoian as demandas deste colectivo, quenes xa lles trasladaron este xoves ao Executivo estatal a importancia de que dende o Goberno se leve a cabo un diálogo “cos implicados”, co fin de que Galicia non quede prexudicada nesta distribución; sobre todo, cando a nosa Comunidade é a primeira rexión pesqueira da UE e a segunda do mundo en produción de conservas. Concretamente, xera 44.000 empregos e 8.850 millóns de euros de ingresos en toda a cadea comercial. Ademais, ofrece máis de 5 millóns de racións saudables de pescado ao día, máis de 1.800 millóns ao ano.

Por este motivo, dende o PP expresan a súa vontade “política e persoal” para acadar un acordo óptimo neste senso, xa que, “moito nos tememos que se os socialistas seguen na Moncloa, os galegos e, en consecuencia, A Mariña, sairá notablemente prexudicada nestas negociacións”. Trátase, en última instancia, “de defender os vosos intereses en Bruxelas ou de estar preparados para as consecuencias que poidan derivarse do Brexit”, explicaron.

“O camiño debe ser apostar por políticas como as que fixo o anterior Goberno, e que permitiron aumentar o valor engadido da pesca nacional un 44% dende 2012. Ademais, España gañou un 90% de cota dende 2009”, expuxeron.
A este respecto, insistiron en que “o que defendemos é que se estableza un reparto máis equitativo dos totais de captura e que non se premie a outras Comunidades como o País Vasco pola simple razón de ter unha maior tradición neste tipo de pesca”, insistiron.
Os barcos mariñanos levan algo máis un mes en campaña. Segundo datos de Pesca de Galicia, a lonxa de Burela rexistrou preto de 1,5 millóns de quilos de xarda, o que permitiu xerar máis de 2 millóns de euros de negocio. No caso de Celeiro, a facturación superou os 500.000 euros, logo da comercialización de máis de 300.000 quilos de cabala.

Exit mobile version