Burela, a 11 de abril de 2019.- O Grupo Municipal Popular burelés manifestou hoxe que “o alcalde aínda está a punto de paralizar o concurso para a nova adxudicación da recollida de lixo e limpeza viaria, e que sexa a nova corporación a que decida sobre este asunto”.
É máis, os populares cren que “se demostra que Llano estaba mentindo cando dixo que era necesario facelo canto antes porque o día 31 de marzo expiraba o contrato con GESECO e había que ter o concurso adxudicado para non bordear a legalidade. Pero, o certo é que o concurso aínda está na fase de presentación de ofertas e a pesar de que o contrato con GESECO rematou o día 31 segue prestando o servizo e cobrando polo mesmo, por suposto, e non está pasando absolutamente nada porque evidentemente hai que seguir facendo a recollida de lixo e a limpeza viaria”.
Segundo os edís do PP, “Llano suma o maior número de mentiras, enganos e bulos imaxinable e tamén acumula a maior incapacidade de xestión que se lembra, xa que foi incapaz de cumprir ningunha das súas promesas e anuncios: mercado, traseira de Capitanía, parque empresarial do Perdouro, novo pavillón, etc. En concreto, no asunto da recollida de lixo e limpeza viaria dixo que o Concello recuperaría a xestión directa, pero está facendo todo o contrario”.
Para os populares “Llano está levando a cabo unha das maiores tropelías co novo concurso de recollida de lixo e limpeza viaria, xa que se encarece en 109.000 euros ao ano sobre o prezo de licitación e en 184.000 euros ao ano incluíndo o tratamento dos biorresiduos. E este gasto estenderase durante cinco anos. Non son máis porque a lei non o permite”.
A este respecto, os edís do PP recordan que “non deu ningún tipo de explicación nin aclarou cales son os intereses que o levan a sablear os cartos de todos os veciños do concello”.