Mondoñedo, 3 de abril de 2019 . A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, mantivo un encontro de traballo con Nacho Jorge, vicepresidente da Federación Galega de Montañismo e con Quico Jorda, técnico da Escola de Montaña, cos que estudou as posibilidades de cara a crear zonas de escalada no municipio.
Na reunión valorouse a idea de implementar deportes de montaña en Mondoñedo, nomeadamente a escalada. Así, estudarán diferentes emprazamentos para colocar este tipo de áreas, como unha forma de dinamizar o turismo activo.
Presentación dunha memoria
Desde a Federación Galega de Montañismo comprometéronse a presentar unha memoria sobre as mellores zonas para practicar esta modalidade deportiva en Mondoñedo, así como o seu impacto para a economía local ou o medio ambiente.
Nacho Jorge e Quico Jorda trasladáronlle á rexedora as posibilidades iniciais que ofrece o Concello en relación coas zonas de escalada. O Goberno local prestaría a súa colaboración para a adecuación de sendeiros ou a limpeza da maleza nos sitios elixidos.
A rexedora, a popular Elena Candia, subliña a aposta do seu Goberno polo turismo activo como un modo de poñer en valor os recursos da natureza e dinamizar economicamente a zona, como xa o está facendo a través das rutas de sendeirismo ou coas visitas á Cova do Rei Cintolo.