Foz, 16 de abril de 2019. O Concello de Foz aprobou, no pleno da corporación celebrado este luns, o orzamento municipal deste ano, cos votos favorables do Partido Popular e a abstención pactada de Foz Plataforma de Futuro. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, destaca que este goberno municipal en minoría logrou aprobar, por cuarta vez consecutiva, os presupostos do Concello, grazas a súa capacidade negociadora cos grupos da oposición.
“Desde o equipo de goberno do Concello de Foz sentímonos moi orgullosos e contentos por aprobar os orzamentos municipais do ano 2019. Con estes orzamentos municipais aprobados e despois de que estean a exposición pública aproximadamente un mes xa se poderán facer efectivas as axudas de acceso á residencia de maiores, que foi o que nos permitiu tamén que a día de hoxe estea a residencia aberta. Con estes orzamentos podemos ademais cumprir o pacto cos traballadores, resultado de aprobar a RPT hai poucas semanas, e que nos vai permitir afrontar xa o primeiro prazo desa RPT. Vainos permitir tamén licitar a canceira tan demandada, posto que existe un convenio coa Deputación no que o Concello debe aportar unha parte proporcional, que vai nos orzamentos”, explicou o rexedor.
Javier Castiñeira engadiu que “ademais vai un plan de emprego de 120.000 euros, solicitado por Foz Plataforma de Futuro. Por outro lado vainos permitir mellorar os nosos servizos sociais, cun novo asistente social, e duplicar o que temos actualmente. Era unha demanda que se viña solicitando no noso concello e este ano 2019 vai ser unha realidade que o Concello de Foz teña dous asistentes sociais”.
O alcalde subliña que “é importante ter uns orzamentos aprobados. Esa foi a dinámica que tivo sempre este equipo de goberno, querendo aprobar os orzamentos incluso co apoio de grupos municipais variados, neste caso foi con Foz Plataforma de Futuro, como o ano pasado, pero na primeira parte da lexislatura aprobáronse co apoio do BNG. Polo tanto estamos contentos, iso demostra unha capacidade negociadora do Partido Popular de Foz, que está gobernando en minoría neste concello”.
Javier Castiñeira lembra que “accedemos a moitas das peticións que fixeron todos os grupos, incluído o Partido Socialista, que nunca chegou a aprobar ningún orzamento nin permitilo; lamentamos esa posición, pero o equipo de goberno tivo en conta moitas veces varias das peticións que fixo o Partido Socialista”.
O rexedor manifesta que “con isto rematamos unha lexislatura na que o equipo de goberno cumpre coas súas responsabilidades. Aprobamos uns orzamentos para este ano e a próxima corporación poderá utilizalos. Ademais ten pagados todos os exercicios pasados, que é algo importante que nós non recibimos no ano 2011, cando había, ademais dunhas débedas bancarias importantes, máis de dous millóns e medio de facturas sen pagar polo anterior goberno. Neste caso é totalmente ao contrario, a nova corporación terá todo pagado, sen débedas bancarias, única e exclusivamente os 600.000 euros que se pediron para o arranxo da rúa Álvaro Cunqueiro, e cunha solvencia de máis de 4 millóns de euros no banco, o cal vai permitir ao Concello ter un futuro económico totalmente diferente ao que recibiu este equipo de goberno”.
Castiñeira insiste en que “estamos contentos de cumprir co noso deber e coas contas municipais. Era unha necesidade chegar a acordos, ceder e neste caso facelo con partidos tan diferentes como son Foz Plataforma de Futuro e BNG. Polo tanto este equipo de goberno non ten máis que sentirse orgulloso de ter sacado os catro orzamentos municipais, de ter negociado cos partidos da oposición todo tipo de circunstancias porque ademais dos orzamentos aprobáronse o Plan Xeral, os inventarios de camiños e bens públicos, e outros asuntos que sen esta capacidade negociadora do equipo de goberno sería totalmente imposible. Así que quedan os orzamentos listos para que se poidan levar a cabo con normalidade todo tipo de actividades que se viñeron facendo durante estes anos”.