O alcalde, Alfonso Villares, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, informaron este mediodía á ANPA e á dirección do centro do proxecto, que, previsiblemente, se executará durante as vacacións de verán.
Villares explicou que desde o Concello tentaremos axilizar ao máximo os trámites para poder levar adiante esta importantísima actuación canto antes, coa que se conseguirá un centro moderno e cunha instalacións totalmente renovadas.
O rexedor tamén quixo agradecerlle á Xunta de Galicia que atendese con tanta premura a solicitude do Concello, contemplando esta renovación integral do centro, que se inaugurou no ano 1983, para a que mobiliza unha gran cantidade de diñeiro público, en beneficio do conxunto da Comunidade Educativa.
En concreto, actuarase na carpintería exterior e interior (fiestras, portas, persianas), mellorarase o illamento das fachadas e executaranse traballos de albanelería; substituiranse as luminarias existentes por outras de baixo consumo e tecnoloxía LED. Ademais, están previstos traballos xerais de acondicionamento interior (falsos teitos, reparación de tabiques, pintado de aulas, novo sistema eléctrico). O proxecto tamén inclúe a instalación dun ascensor (ata o de agora non había) co que se incidirá na mellora da accesibilidade, reformas na instalación de climatización e a renovación dos aseos (pavimento antiescorregadizo con baldosa porcelánica, billas e aparatos); entre outras actuacións.