Burela, 11 de abril de 2019. O Concello de Burela organiza unha viaxe para xubilados, á zona da conca mineira asturiana, que terá lugar o vindeiro 30 de abril.
O prazo de inscrición ábrese o luns da vindeira semana, día 15, e remata o martes 23, en horario de 10 a 14 horas. As anotacións faranse por orde de inscrición ata completar as prazas, que serán arredor de 52. Terán que facerse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Burela e terán preferencia os xubilados da localidade, maiores de 61 anos.
O custe será só a entrada ao Museo da Minería (voluntaria) cun prezo de 5 euros que se abonarán no Museo. A saída farase desde a Estación de Autobuses de Burela, ás 9:30 horas. A chegada a El Entrego, en Asturias, ao Museo da Minería e á Industria está prevista para as 11:45 horas.
A xornada continuará ás 14:00 horas, para comer en Restaurante Canzana unha comida típica asturiana. Ás 16:00 horas, os participantes emprenderán viaxe a Campo de Caso onde está o Centro de Interpretación do Parque Nacional de Redes, haberá unha visita ao Centro e á contorna do Parque. Ás 18:00 horas, desprazaranse a Rioseco onde está o embalse e o miradoiro Monumento á Liberación. A saída de regreso a Burela está prevista para as 19:30 horas.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, declarou que “esta viaxe se organizou para dar resposta á demanda por parte de un bo número de xubilados do concello de organizar algunha saída ou viaxe destinado a eles, como o que fixemos o ano pasado a Noreña e aos Lagos de Covadonga. O Concello decidiu organizar esta excursión de un día a zona da conca mineira asturiana onde se visitarán zoas de gran riqueza natural e cultural”.
O Museo da Minería e da Industria de Asturias, situado preto de El Entrego, no concello de San Martín del Rey Aurelio, é o segundo máis visitado de Asturias. Recolle a intensa actividade mineira que se desenvolveu nas concas mineiras asturianas desde o século XVIII. O Parque Natural de redes foi declarado como tal en 1996 coa finalidade de protexer os seus valores naturais e paisaxísticos, así como ao obxecto de mellorar a calidade de vida da súa poboación mediante a adopción de medidas de dinamización e desenrolo económico.