Ribadeo, 3 de abril de 2019. O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, propón rehabilitar o edificio do Xulgado de Paz para manter nel as dependencias deste servizo.
“Seguimos acreditando a falta de compromiso e de traballo do señor Suárez. Estes días puidemos ler na prensa que un sindicato dicía que o edificio do Xulgado de Paz atópase nun abandono absoluto. O Partido Popular non é a primeira vez que di que ten unha proposta clara para o edificio. Nós consideramos que as oficinas do Xulgado de Paz teñen que estar no actual edificio, despois de rehabilitalo por completo. Isto é propoñer e concretar medidas, o resto son desculpas, ao que estamos acostumados por parte do señor Suárez, que sempre lle bota a culpa a todas as administracións ou el non sabe ou non pode facer”, explica Daniel Vega.
O alcaldable do PP ribadense considera que “non podemos seguir así porque as cousas pódense resolver e concretar, pero hai que tomar medidas. Polo tanto eu pídolle ao señor Suárez que explique que quere facer co actual edificio Xulgado de Paz, porque eu non coñezo ningunha proposta deste goberno sobre este asunto. Nós xa o dixemos: hai que conservar, rehabilitar e seguir coas oficinas do Xulgado de Paz no actual edificio. Pedímoslle que nos explique que quere facer con este edificio. E de paso que diga tamén que fai co pavillón polideportivo municipal que está na rúa Alfredo Deaño e coa Casa da Ría. Son tres edificios de titularidade municipal que se atopan nun abandono absoluto. Señor Suárez, explique que quere facer con eles”.