O alcaldable do PP en Ribadeo agarda que Fernando Suárez explique “a que foi a Bruxelas porque non houbo ningunha comparecencia do alcalde de Ribadeo na Comisión Europea senón que foi un acto nunha sala dun grupo político con varios partidos porque nese grupo está Bildu e o BNG. Entón espero que o señor Suárez explique quen paga a factura, esperemos que sexa o señor Suárez, Bildu ou o BNG. Ante quen foi falar? Eu creo que foi para amigos e para membros deses partidos. Que diga que beneficio directo ten para Ribadeo esta viaxe e que investimento concreto trouxo Fernando Suárez para este municipio a raíz desa visita”.
Daniel Vega tamén criticou os incumprimentos do programa electoral do BNG de Fernando Suárez porque “dixo que ía baixar impostos e a realidade é que os subiu, todos lembramos o catastrazo, cunha subida dun 8 por cento. Dixo que os pagos do Concello ían facerse en 9 días, pero as asociacións levan sen cobrar desde o ano 2016 e ningunha das empresas que traballan para o Concello cobra a 9 días, senón por encima dos 45 días”.
Vega referiuse ademais á “redución considerable dos aparcamentos porque todo o mundo pode observar que en vez crear prazas reducíronse, por exemplo na rúa San Roque” e ó “abandono no que están moitos edificios de propiedade municipal”, como a Casa da Ría, o pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño ou o Xulgado de Paz.
Eleccións xerais
Pola súa parte, Begoña Sanjurjo destacou “a importancia que teñen estas eleccións. A nosa Constitución trouxo corenta anos dunha vida mellor para os españois e dentro deles para os galegos. A unión dos partidos constitucionalistas conseguiu grandes cousas como a derrota de ETA ou a aplicación do 155, cando foi necesario. Agora isto cambiou. Sánchez aliouse cos separatistas para levar adiante unha moción de censura e chegar a presidente, e non tivo máis remedio que convocar eleccións cando eles quixeron e deixaron de apoialo. O goberno de Sánchez sácanos a cada galego 63 euros para darlle aos cataláns que o aguantan no poder, non lle importa fragmentar o país con tal de manterse na Moncloa. Non pode baixar a tarifa eléctrica das empresas galegas nin a peaxe das autopistas, pero si pode baixar o prezo da luz no País Vasco para seguir pagando favores. Non lle importa que peche ALCOA, só lle importa que lle aproben os decretos dos mal chamados venres sociais, que non é un nome moi axeitado xa que, desde que se convocaron as eleccións, cada día este goberno en funcións tiña 83 millóns de euros máis de débeda; esperemos que o Venres Santo descanse”.
Begoña Sanjurjo engadiu que o goberno socialista “de Galicia acórdase pouco e de Ribadeo menos, pero case mellor porque para unha vez que se lles ocorre algo que facer na nosa vila é un apeadeiro para As Catedrais, que supoñemos que irá acompañado dun tren con horario baseado nas mareas, senón para pouco vale”.
A ribadense candidata do PP para as eleccións xerais rematou subliñando: “os que queremos un goberno alternativo temos que unir o voto. Nesta provincia os votos a Ciudadanos e a Vox non van conseguir escano, o que quere dicir que é como se votáramos aos separatistas, vólvense na nosa contra. É importante que todos os que pensemos nun voto de centrodereita nos unamos nestas eleccións e votemos ao Partido Popular para conseguir catro deputados por Lugo”.