Lourenzá, 18 de abril de 2019. O Bloque Nacionalista Galego en Lourenzá presenta ás vindeiras eleccións municipais unha lista de quince persoas que encabeza Aurea María Vázquez Abal.
Desde a formación nacionalista sinalan que “apostar por unha candidatura encabezada por Mani é garantía de contar co medio rural e natural. Nun concello no que o sector agrario segue a ter tanto peso como é Lourenzá, contar con unha persoa que, polo seu traballo, pero tamén por convencemento, ten un coñecemento directo das necesidades dos sectores produtivos é unha garantía de que a administración local traballe na mesma dirección que as produtoras e produtores e redunde no desenvolvemento local.”
A candidata nacionalista xa formara parte das listas municipais da formación frontista noutras ocasións, “aínda que non nun posto tan alto”; pero decidiu dar un paso á fronte ao xurdirlle a oportunidade e considerar que en Lourenzá hai moitas cousas por facer que poden repecutir en mellorar a vida das veciñas e veciños.
Unha veterinaria, coñecedora e defensora do medio rural e natural.
Aurea María Vázquez Abal naceu en Pontevedra hai 50 anos, aínda que a súa vinculación con Lourenzá e coa zona desde hai máis de quince anos a raíz da súa actividade profesional como veterinaria, fai que considere “esta terra como se xa fora a miña”.
Actualmente ocupa un posto na Consellería de Medio Rural como veterinaria laboral indefinida na Oficina Comarcal Veterinaria de Mondoñedo. Con experiencia en clínica rural, Aurea defínese a si mesma como “unha muller activa, colaboradora cos demais para intentar botar unha man sempre que poido” e amósase ademais “encantada de facelo porque entendo que neste mundo estamos uns para axudar ós outros.” Admite tamén que “como veterinaria que son, pérdenme os animais; pero tamén a natureza polo que estou bastante concienciada co medio ambiente e intento conservalo en todo o que me é posible.”
Desde a formación nacionalista en Lourenzá amosan a súa satisfacción por lograr “unha candidatura de persoas comprometidas co concello e que traballarán en mellorar a vidas das veciñas e veciños, como sempre fixeron as persoas que dun xeito ou outro representaron ao BNG noutras ocasións.”