Burela 29-4-19. Logo do resultado nas eleccións do domingo, e coa certeza de que o PSOE formará goberno en Madrid, José Luís Moñita Martín, candidato á alcaldía de Burela por Compromiso Por Galicia solicita que a agrupación local do PSOE explique á cidadanía o que acontecería no hipotético (e máis que probable) caso de que César Mogo, xefe de gabinete da Moncloa, home de
confianza de Sánchez e número 1 ao Senado por Lugo, renuncie para seguir no cargo como asesor xunto a Pedro Sánchez. Cremos que @s burel@s merecen saber que, se esta situación se dá, Llano pasaría a ser elixible senador como primeiro suplente, xa que así é como se establece. E repetiríase un caso similar ao que en Burela se recorda como unha traizón á confianza dos votantes no seu momento, como foi a renuncia de Ismael Rego á alcaldía logo
de saír elixido para deixar a Roberto Álvarez no seu lugar.
Moñita entende que “os veciños de Burela merecen ter toda a información antes da convocatoria para as municipais co gallo de elixir ao seu alcalde con toda a información dispoñible encima da mesa”. Dende a Comité de Dirección local de CxG, témese que “Alfredo Llano acabará presentando a súa dimisión para acabar no Senado e ‘deixar tirados’ aos veciños de Burela con medias verdades (cando non falsas afirmacións directamente) como leva
facendo desde que accedeu ao goberno municipal”.
Neste sentido, o alcaldable de CxG José Luís Moñita, advirte que “faremos público no seu momento un catálogo ben detallado das promesas incumpridas e das grandes afirmacións de Llano que sempre quedan en nada” de cara a unhas municipais que son todo un reto para a formación galeguista, que traballa na creación dun goberno aberto cun perfil participativo “e que quere devolver a transparencia e a honestidade ao Concello” por riba das rivalidades internas do PSOE local, que redundan no prexuízo de todos os veciños de Burela.
Como xa informaron os medios de comunicación da provincia, “a dirección federal do PSOE, en sintonía con Gonzalo Caballero, desatou o malestar no socialismo lucense ao impor a Ana Prieto, concelleira de Economía en Lugo, como número 1 dos socialistas ao Congreso, e a César Mogo, home de confianza de Pedro Sánchez, como cabeza de lista ao Senado”. Desde
Compromiso Por Galicia alertan que Burela pode acabar pagando o artellamento dunha estratexia claramente manipuladora que esconde as verdadeiras intencións do PSOE e que pode redundar nun novo engano cara aos veciños e veciñas da vila.