Burela, a 10 de abril de 2019.- O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, di que “descoñezo ata que punto lle pode aportar confianza aos veciños e veciñas de Burela o actual alcalde, Alfredo Llano, cando incumpriu sistematicamente nos últimos catro anos todas e cada unha das promesas electorais que esgrimiu no seu día para acadar a alcaldía de Burela”.
Rouco agarda que “as referencias que pretende aportar o señor Llano en Burela non sexan as da súa vocación de traballo” porque “precisamente destaca entre a cidadanía pola ausencia da mesma”.
Así mesmo, o alcaldable popular sinala que “o rexedor do PSOE segue a facer anuncios rocambolescos nos medios de comunicación ou incluso fala dun remanente de tesourería”. A este respecto, Rouco especifica que “xa había un remanente de case que 1,5 millóns de euros no Concello cando o Partido Popular deixou a alcaldía tras catro anos repoñéndonos en Burela da débeda salvaxe do bipartito PSOE-BNG do mandato 2007-2011”.
Rouco explica que “se existe realmente ese remanente de tesourería hai fórmulas para poñelo a funcionar de forma parcial. Igual é que o señor Llano o ignora ou que considere que os veciños e veciñas de Burela non son merecedores de que ese remanente se utilice”. Incluso tamén cre o popular na opción de que “ese remanente realmente non exista”.
Diminución do orzamento municipal
“O que si é certo é que este ano o Concello de Burela foi un dos poucos da comarca da Mariña que veu diminuído o seu orzamento con respecto ao ano pasado”, engadiu o candidato do PP á alcaldía. Segundo explica “isto xa o están a padecer tódolos veciños e veciñas tódolos días”. De feito, “as asociacións de Burela xa viron reducidas as aportacións municipais que viñan percibindo na época do Partido Popular”. Concretamente, “a asociación de comerciantes recibía entón 18.000 euros fronte aos 10.000 euros que lle foron asignados este ano”.
“Escapar cara ao Senado”, unha “estratexia” coñecida en Burela
No tocante ás lexítimas ambicións do señor Llano para deixar Burela en mans do señor Fernández Rey e escapar cara ao Senado, se os veciños e veciñas o estiman oportuno no seu día, o popular lémbralle que “esta estratexia non é nova para a xente de Burela. Senón que llo pregunten ao señor Roberto Álvarez e ao señor Ismael Rego”, concluíu.