Lourenzá, 12 de abril de 2019. O Concello de Lourenzá acollerá esta vindeira Semana Santa o torneo internacional de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, a 4ª reunión de Amigos de Vespa&Faba e Clásicos, e tamén o Vilou Spring Fest, que se celebrará o xoves 18 e que inclúe a actuación da orquestra Panorama. Todos estes eventos foron presentados conxuntamente por representantes dos colectivos organizadores coa alcaldesa laurentina, Rocío López.
A rexedora municipal explicou: “temos preparado para esta Semana Santa, concretamente os día 18, 19 e 20 de abril, un amplo programa de actividades que combina a 14ª edición do Lourenzá en Xogo, que é o torneo de basket feminino que se celebrará neses tres días. Tamén teremos a colaboración, como noutras ocasións, de Vespa&Faba Clásicos de Lourenzá que realizará unha gimkana e distintas actividades máis. E o xoves durante todo o día, e sobre todo a noite, teremos unha xornada festiva na que actuará a orquestra Panorama”.
Rocío López salienta “a importancia que ten para o noso concello a celebración deste torneo, que supón a confluencia de moitas rapazas chegadas de distintos puntos, no só a nivel nacional senón tamén internacional. Virán arredor de 350 xogadoras. Hai que destacar a importancia que ten para o noso concello e para a nosa economía, sobre todo para a hostalería local, a chegada de tanta xente aquí a Lourenzá”.
A alcaldesa agradece “a colaboración de todos os que participan nesta programación, tanto das Escolas Deportivas como de Vespa&Faba e Clásicos e tamén da asociación Conde Santo, de Lourenzá. E invitamos a todos a que nesta Semana Santa se acheguen a Lourenzá e veñan a gozar de todas estas actividades que lles temos programadas”.
Pola súa banda, Mariano de la Torre, coordinador de baloncesto de Lourenzá, comentou que “es la 14ª edición del torneo Lourenzá en Xogo, a la que vienen equipos de Galicia, Cataluña, País Vasco, Asturias, Canarias y también un equipo portugués, con lo cual el torno es internacional, y lo desarrollaremos el 18, 19 y 20 de abril”.
Sobre a cuarta reunión de Amigos de Vespa&Faba e Clásicos, Fran Rivas salienta que “este ano somos afortunados porque ademais de facer a reunión temos o Lourenzá en Xogo e o Vilou Fest, entón imos facer aquí unha festaza, ten que vir o máximo de xente, e nós imos traer as nosas vespas os coches clásicos para pasalo ben”.
Desde a organización do festival musical, Manuel Goas explica: “o día 18 de abril faremos en Lourenzá o Vilou Spring Fest, no recinto feiral, onde dispoñeremos dunha carpa. Comezaremos cunha sesión vermú, ás dúas da tarde, a cargo de Decibelios Eventos, na que pinchara un dj local que é DJ Billy. A partir das once e media da noite empezaremos coa Panorama, coa súa nova xira, Number One Tour, e teremos outra vez a DJ Billy”.