“Eu non vou ás explotacións a pasear en zapatito castellano, como fan outros en campaña, senón a traballar, o mesmo que ao Congreso dos Deputados”, comparou José Manuel Blanco. “As nosas explotacións non descansan nas fins de semana nin paran os festivos e ese esforzo non sempre é valorado por parte da sociedade e das institucións públicas”, asegurou.
O candidato de Ciudadanos loubou “o traballo e a constancia de todos os gandeiros de Galicia, que, partindo dunha situación de clara desvantaxe como consecuencia dunha nefasta negociación no momento da entrada na Unión Europea, que limitou gravemente a produción das nosas explotacións durante dúas décadas, obrigándoas a facer importantes investimentos en cotas lácteas, foron capaces de sobrepoñerse, modernizar as súas granxas e manter hoxe un sector punteiro non só a nivel español senón europeo”, destacou José Manuel Blanco.
A provincia de Lugo lidera a produción de leite en Galicia e no conxunto de España con 1,2 millóns de toneladas anuais. Case a metade do leite producido en Galicia sae das 3.600 explotacións que hai na provincia de Lugo, onde se produce o 20% de todo o leite producido no Estado español. “Un de cada cinco litros de leite que se produce en España sae de granxas lucenses. Trátase dun sector estratéxico para a provincia de Lugo, que xera o 12 do PIB da provincia e o 18% do emprego”, explicou o candidato de Ciudadanos.
“Grazas ao esforzo dos nosos gandeiros e gandeiras a provincia de Lugo segue mantendo un sector lácteo punteiro”, afirmou José Manuel Blanco, que comprometeu todo o seu apoio para que a súa voz sexa escoitada no Congreso dos Deputados.
O candidato de Ciudadanos tachou de “inaceptable” que os prezos cobrados polo leite en orixe en Galicia sexan os máis baixos de todo o Estado e animou aos produtores a seguir traballando de maneira conxunta, ao tempo que mostrou o seu apoio aos modelos cooperativos de Aira e Clun, “así como a calquera iniciativa empresarial que sirva para que incrementar o volume de leite que actualmente se transforma na provincia de Lugo, xerando deste xeito emprego industrial e maior valor engadido no territorio”, indicou.
Ao rematar as tarefas do ordeño da mañán, José Manuel Blanco acudiu á feira da Fonsagrada. Pola tarde visitará a Feira Medieval de Monforte xunto a simpatizantes e afiliados de Ciudadanos na cidade do Cabe.