Acompañado do número dous da lista de Ciudadanos ao Congreso, o doutor Francisco Pintado, médico desde hai 32 anos no Hospital Público da Mariña, José Manuel Blanco destacou a necesidade de “implantar unha Sanidade e unha Educación públicas e de calidade en toda España que sirvan para igualar en dereitos e posibilidades a todos os españois”. Neste sentido, o cabeza de lista de Ciudadanos defendeu medidas como unha Tarxeta Sanitaria Única para todas as comunidades autónomas e a mesma proba de Selectividade para o acceso á universidade en toda España.
En materia educativa, José Manuel Blanco defendeu un “Pacto de Estado pola educación duradeiro para acabar co fracaso escolar mediante un sistema educativo que teña máis calidade e que conte con máis financiamento”.
Ciudadanos defende tamén que a proba de Selectividade, que determina o sistema de acceso á universidade pública, sexa a mesma para toda España para que todos os alumnos e alumnas teñan as mesmas posibilidades de cursar unha carreira en base aos seus méritos e non á comunidade autónoma na que vivan. O programa de Ciudadanos inclúe ademais outras medidas como a de prohibir os teléfonos móbiles nas aulas.
Lei de Dereitos e Garantías ao final da Vida
José Manuel Blanco estivo acompañado no acto celebrado na Antiga Biblioteca de Burela do número dous da candidatura ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Pintado, médico no Hospital Público da Mariña, que expuxo as propostas de Ciudadanos no ámbito sanitario.
Ciudadanos propón crear unha “Tarxeta Sanitaria Única en toda España que permita a todas as persoas ter a mesma atención e servizos sanitarios sen importar en que comunidade autónoma resida ou se vive nunha cidade ou nunha zona rural”. “En Ciudadanos defendemos unha sanidade pública de calidade que garanta a igualdade. Por iso tamén implantaremos un Calendario Único de Vacinación en toda España”, avanzou o doutor Francisco Pintado.
Tamén se inclúe no programa de Goberno de Ciudadanos a redución das listas de espera nos hospitais e o aumento de médicos e de persoal sanitario nos centros de saúde, así como “a regulación da eutanasia mediante unha Lei de Dereitos e Garantías ao final da Vida para que as persoas con enfermidades incurables e dexenerativas poidan decidir libremente poñer fin ao seu sufrimento”.
Francisco Pintado tamén indicou que “o programa sanitario de Cidadáns é o máis innovador e progresista dos últimos anos” e inclúe medidas como dentista gratis ata os 16 anos en toda España, unha Estratexia Nacional de Prevención da Obesidade, loitar contra as pseudoterapias e a regulación do cannabis terapéutico. “Para Ciudadanos é vital conseguir que todos os españois reciban unha atención sanitaria de primeiro nivel, cousa que agora tristemente non está a ocorrer”, explicou o médico mariñao.
Perda de servizos no Hospital da Costa
Francisco Pintado aproveitou o acto, ao que asistiron médicos e persoal sanitario, para sinalar os problemas sanitarios que teñen na Mariña por unha “nefasta xestión do Partido Popular”. “Os cidadáns da Mariña agora mesmo parecen cidadáns de segunda ou de terceira, moitas veces teñen que ir ata o Hospital de Lugo que está a 100 kilometros de distancia para lograr servizos básicos que actualmente o Hospital de Burela non ten, por exemplo unha operación de cadeira ou unha proba diagnóstica”, denunciou. Pintado ademais criticou como “a Xunta de Galicia foi quitando competencias ao Hospital de Burela coa desculpa da crise económica malia que os médicos pedimos que non se fixese”.
Para lograr esta mellor xestión sanitaria Ciudadanos propón “eliminar os enchufismos na xestión sanitaria”, profesionalizándoa con persoas independentes e formadas para ese cargo. “Temos que despolitizar a sanidade para que estea liderada e xestionada polos mellores profesionais”, considerou o xefe de Anestesioloxía do Hospital de Burela.
Alcoa e as infraestruturas pendentes na comarca
Por outra banda, o cabeza de lista ao Congreso lembrou o seu compromiso con Alcoa, que presentou o 9 de abril asinando por escrito as medidas que propón Ciudadanos para solucionar os seus problemas enerxéticos da factoría de San Cibrao. “Alcoa non pode irse da provincia de Lugo, non se entende A Mariña sen ela, por iso se eu ou Francisco Pintado saímos deputados comprometémonos cos traballadores por escrito para buscarlle solución ao problema da factoría e á incertidume que sofren as familias”, insistiu José Manuel Blanco.
“A Mariña xira ao redor de cinco pilares básicos: a sanidade, a industria que representa Alcoa, o turismo, o sector agroforestal e, por suposto, o sector pesqueiro. Os portos de Burela e Celeiro capturan máis do 50% da pescada de toda España, o seu traballo é admirable e as institucións terían que recoñecelo, temos que facer lembrar a toda España que Lugo ten mar”, resumiu o cabeza de lista de Ciudadanos.
Por último, José Manuel Blanco quixo lembrar a gran materia pendente para a Mariña: as infraestruturas. O cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso reclamou “avances reais e definitivos” na construción da Autovía A-74 entre Barreiros e San Cibrao, “que PP e PSOE levan décadas prometendo pero da que non hai nin un só quilómetro construido” e a conversión do FEVE nun “verdadeiro tren de cercanías que sirva para vertebrar a comarca da Mariña”.