Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguración da exposición fotográfica “Cervo na Memoria”

Cervo 7-4-19. O edificio das Escolas Vellas cedido polo Concello á asociación Airiños do Xunco para desenvolver a súa actividade cultural, e recentemente rehabilitado de xeito integral, alberga preto de 200 instantáneas antigas da parroquia de Cervo, da historia das Escolas, en definitiva “da memoria colectiva de todo un pobo”. Permanecerá aberta ao público os días 9, 10, 11, 12, 15, 16 e 17 de abril, en horario de 12:00 a 14:00 horas.

O acto estivo moderado polo profesor Fran Bouso, e interviron Rafael Blas, Paco Piñeiro, Alfonso Villares e Martín Fernández Vizoso, descendente da familia cervense emigrada a América que foi promotora das Escolas, cuxo avó foi o padrino do acto de inauguración do edificio aló polo ano 1917.
Rehabilitación das Escolas Vellas
As persoas asistentes ao acto puideron ver o resultado da actuación de rehabilitación integral que se levou a cabo neste último ano nas Escolas Vellas, e que supuxo un investimento de 170.000 euros.
A obra consistiu na substitución da estrutura de cuberta, instalando novos canlóns e baixantes para evitar filtracións de auga; ademais instaláronse novas portas e ventás de PVC, fíxose o saneamento exterior e interior para evitar humidades, mellorouse o illamento térmico e acústico; incorporáronse dous baños, un deles adaptado (os servizos estaban no exterior do edificio); e tamén se actuou na parte externa do edificio para mellorar a accesibilidade, creando tamén unha zona axardinada.
Todo elo respectando a estrutura e os materiais orixinais do edificio, tal e como foi concibido no seu día.

Exit mobile version