Site icon Crónica3.com A Mariña

“Grande América, pequena Terra”, por Antonio Gregorio Montes

Non, aínda non nos enteramos: o que fai alguén neste pequeno planeta, repercute no resto.
Algo lóxico, pero, por estar o efecto de cada acto difuminado entre todo o resto de actos e persoas, algo ó que non se lle presta moita atención. E algo que inclúe dende cousas moi pequenas, individuais, a outras moi grandes, como o Prestige.
Un novo verquido no mar (‘nunca máis’, lembras?), a uns centos de quilómetros de Ribadeo, nunha zona de tráfico marítimo importante, fai lembrar outros desastres que afectaron ás costas galegas e que cada vez tenden a ser máis importantes polo aumento de tamaño dos buques e a menor tolerancia das nosas costas ante a presión ambiental.
Agora trátase dun buqe con nome curioso: Grande América. Os detalles do seu afondamento foron subministrados polo seu armador, Grimaldi Lines, incluído o lugar: a pouquiño máis de 300 km de Ribadeo. Liña Hamburgo-Casablanca, 214 m de barco, contedores con materiais perigosos, 2200 toneladas de fuel pesado, construído en 1997, 26 tripulantes e un pasaxeiro, retido no 2010 por deficiencias no Reino Unido, antes de que outras deficiencias poran observadas en Hamburgo e Amberes, … Estas últimas cousas non saían na nota de prensa de Grimaldi, do mesmo 12 de marzo, día do afondemento, senón en sitios como o Nouvel Observateur, subministrados por asociacións como Robin dos Bosques (aquí, un listado de materiais perigosos que levaba).
Tres semanas despois, aínda non se sabe se vai chegar contaminación á Mariña ou non. Depende das correntes, que na costa do Cantábrico poden ir de leste a oeste ou ó revés, de oeste a leste (como pode observarse neste vídeo da NASA). Pero está claro que 2200 toneladas de fuel (a máis doutros combustibles e a carga dos contedores) poden dar lugar a manchas da orde de un millón de km2. Algo que pode calcularse. Unha extensión superior á do Mar Cantábrico…
Os accidentes son iso, accidentes. Pero a súa frecuencia pode diminuírse aínda sen cambiar o conxunto do sistema. Está demostrado que imos ter que cambiar o sistema xeral das nosas vidas en conxunto, como sociedade, se non queremos facer o planeta inhabitable para nós. Pero mentras o facemos ou non, podemos insitir en cousas como ‘nunca máis’.

Exit mobile version