Así, comezou este xoves percorrendo Viveiro en compañía da alcaldesa, María Loureiro, e coñecendo o traballo que está facendo o equipo de goberno na promoción dunha Semana Santa declarada de Interese Turístico Internacional. “A alcaldesa é unha referencia para a Mariña e para toda Galicia pola súa magnífica labor”, destacou Gonzalo Caballero.
A continuación, en Burela, o líder dos socialistas galegos describiu a Alfredo Llano como “unha persoa que traballa polo seu concello todo o que pode, e máis”, e augurou que volverá ter a vitoria nas urnas o vindeiro 26 de maio.
E, no ecuador da campaña das eleccións xerais tras percorrer 3.500 quilómetros, Gonzalo Caballero sinalou que “as enquisas van moi ben, pero non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións, e non nos podemos confiar”. “Cada voto é moi importante”, recordou, ao tempo que advertiu de que “cada voto ao PP é un voto para que Vox e a ultradereita poidan decidir o futuro do país”.
“Non nos podemos arriscar a que teñan abertas as portas da Moncloa abertas por un só voto”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, para chamar á “mobilización masiva” e a que “ninguén quede na casa” o 28 de abril.
“RISCO DE INVOLUCIÓN”
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero no acto de Burela previo a un xantar en Foz, porque a dereita está “desnortada” e disposta a pactar cunha ultradereita que representa “un risco de involución”.
E en Galicia, engadiu ante un auditorio ateigado, o partido de Feijóo está “pinchando” nesta campaña, de xeito que “se todos os progresistas nos mobilizamos agora, marcaremos un cambio de tempo político en Galicia” que permitirá dicirlle a Feijóo que “o seu ciclo chegou ao seu fin”.
“ESFORZO E ILUSIÓN”
Pola súa banda, a cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Ana Prieto, destacou que “a decencia volveu á política española” tras unha moción de censura que desaloxou ao goberno do PP, “un partido manchado pola corrupción” e que puxo en marcha “os maiores recortes ao estado do benestar”. Fronte a isto, “esforzo e ilusión” son as claves do executivo que lidera Pedro Sánchez, que está gobernando para a maioría.
Así mesmo, César Mogo, número un ao Senado por Lugo, apelou a que o goberno socialista poida continuar a súa tarefa a partires do 28 de abril, despois de 10 meses nos que subiron as pensións, o salario mínimo e se restableceu o pago da cotización das coidadoras de dependencia. Sobre todo, como dixo, porque a alternativa é “unha dereita que segue o discurso da ultradereita que quere legalizar o odio”.
Tamén tomou a palabra o secretario provincial do PSOE lucense, Álvaro Santos, quen fixo fincapé na “ilusión” que xerou a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, posto que España “recuperou a súa dignidade”. Ademais, prognosticou que a vitoria nas xerais dará “impulso” para o éxito nas municipais.
“TRABALLAR EN POSITIVO”
Finalmente, Alfredo Llano chamou a “traballar en positivo” pola cidadanía para “gañar de forma clara” tanto nas xerais coma nas municipais.
“O mellor está por vir”, proclamou tras destacar da súa xestión a ausencia de débeda e o superávit dun concello que ten “unha pirámide poboacional perfecta” e con veciños de 40 nacionalidades distintas.